O BNG de Ourense e Luis Seara van a por todas: “Algo grande vai pasar”

É a primeira formación que presenta a súa lista, coa que queren “devolver o orgullo” á cidade

O BNG converteuse onte na primeira forza política da cidade en presentar publicamente a lista coa que concorrerá ás eleccións municipais e coa que aspira a ser a única que oferte á cidadanía un “cambio real” que permita superar “a páxima máis triste da historia recente de Ourense”, en referencia ao actual goberno local que deixou a cidade en situación de “parálise”. A portavoz nacional dos nacionalistas, Ana Pontón, arroupou a Luis Seara e os sete homes e sete mulleres que o acompañarán no primeiro treito da candidatura, un “equipazo”, como os definiu o candidato, que aspira a un resultado histórico e gañar as eleccións. “Levo tempo sentindo que algo grande vai pasar, teño moi boas vibracións”, proclamou o cabeza de lista. “Imos a por todas, o cambio é posible e virá da man do BNG, empeza a conta atrás”, engadiu a portavoz nacional.

A líder dos nacionalistas galegos definiu esta candidatura como un grupo de persoas “capaz de ofrecer un cambio real” e de “darlle á cidade un novo principio”, no que lle devolvan aos veciños “a dignidade, o sorriso e o orgullo de ser de Ourense”. Pontón sinalou que Seara é o alcalde que Ourense necesita para “deixar atrás a páxina máis triste da súa historia recente” e “mirar o futuro con esperanza, con ilusión e con confianza”, abrindo “de par en par portas e ventás” no Concello para “normalizar” a vida política. 

Ademais, puxo de manifesto que o candidato ourensán e o seu equipo serán capaces de “aproveitar o potencial da cidade, facéndoa idónea para vivir e traballar”, poñendo como “modelos” municipais para o BNG as localidades de Allariz ou Pontevedra, que amosan “outro xeito de facer política”. 

Neste sentido, a voceira nacional explicou que os plans do BNG para a cidade pasan por artellar un proxecto para ter “un Ourense termal, cunha mobilidade sustentable, un Ourense cultural, acolledor, feminista, igualitario e ecoloxista”.  Para iso, ofertan un modelo “serio, solvente, en positivo, a favor da cidade e dos seus veciños”. 

Pola súa banda, o candidato á alcaldía, Luis Seara, mostrou a súa ilusión por ter o “privilexio” de encabezar unha candidatura con persoas “con ilusión, con amor por Ourense” e que dan “un paso adiante e deciden comprometerse cun proxecto transformador que mellore a calidade de vida das persoas”. Definiu as 14 persoas que o acompañarán na primeira metade da lista como “un grupo plural, aberto e cohesionado, que responde ás necesidades de Ourense e é garantía de futuro”.

Preparados para gañar

O BNG foi a primeira formación que anunciou o seu candidato e agora é a primeira en amosar as caras que o acompañarán, o que, segundo Seara, amosa que están preparados para gobernar o Concello “desde o minuto un”, sacar a cidade da actual “parálise” e devolver á cidadanía a “autoestima e o orgullo de ser de Ourense”. 

Os primeiros da lista do BNG: sete mulleres e sete homes con perfís diversos

“Sete mulleres e sete homes con perfís diversos, referentes moitas delas no ámbito veciñal, social, cultural, económico e sindical e un relevante coñecemento da xestión municipal”. Así definiu Seara a súa primeira metade da lista, na que tamén destacan personas independentes:

2: Rhut Reza, actual concelleira e que repite posto.

3: Xosé Manuel Puga, tamén repite posto, e unha das persoas que “máis e mellor coñecen a realidade rural do concello”. Da Carballeira.

4: Erea Blanco Gallego, unha muller xoven e novidade na lista. Responsable de Mullers en Galiza Nova. Veciña da Ponte.

5: Xosé Diz Romay, licenciado en Dereito e funcionario da Xunta. Veciño de Mariñamansa.

6: Sonia Albor Gómez. activista feminista e delegada sindical da CIG no Concello. De Erbedelo de Reza.

7: Xosé Carballido Presas, presidente da Asociación de Veciños de Seixalbo. 

8: Nate Borrajo, actriz, escritora, traballadora do ensino público. Veciña de Peliquín. 

9: Diego Vázquez Nogueira, do grupo Malheira, guitarrista e compositor, e mestre en pedagoxía terapéutica. Veciño das Lagoas.

10: Lidia Gómez Cardero, profesora da Universidade Laboral e veciña de Barrocás Novo.

 Nos postos 11, 12, 13, 14 e 15 aparecen Xabier Fernández Davila, Chelo López Caride (vicepresidenta da Unión Deportiva Ourense), o tatuador Anxo Varela Pérez “Pruden”, Venecia Guzmán Castillo, dominicana afincada en Ourense desde 1992, perruqueira e fundadora da asociación de dominicanos, e Marcos Ferradás, sindicalista.

Te puede interesar