"O BNG porá a Ourense na vangarda das urbes europeas"

Ana Pontón sinala a Seara como o alcalde que “devolverá aos veciños o orgullo de ser ourensáns”

O BNG conxurouse onte, no seu pistoletazo de saída preelectoral, para converter a Luis Seara en alcalde de Ourense tralas eleccións municipais de 2023,  nun acto de “orgullo de ser ourensán” celebrado no Teatro Principal no que a voceira nacional da formación, Ana Pontón, arroupou o  candidato “sereno e solvente”, capacitado para “dar un paso de xigante e devolverlle a dignidade á institución e recuperar o orgullo da cidade”. Isto, ademais, permitiría, dixo Pontón, “pór fin a etapa dos Baltar na Deputación”, a quen acusou de empregar a urbe como “moeda de cambio” para manterse no goberno provincial e “perpetuar o caciquismo”.

Pontón situou as municipais como “primeiro paso” para o cambio político en Galicia cun goberno liderado polo BNG, advertindo de que non van de “farol” e que a formación, que cumpre 40 anos de vida, está no “mellor momento da súa historia” e preparada para xestionar a crise. “Estamos aquí para defender a xente e non os grandes lobbye, temos as mans libres”, presumiu ante un público entregado.

Seara rodeouse de decenas de veciños que encheron as bancadas do Principal, e ante os que Ana Pontón apelou  a buscar a “tranquilidade e bo facer” deste candidato para acabar con “anos de disparate” na vida municipal. “Hoxe (por onte) empezou a conta atrás para devolverlles aos veciños o orgullo de ser de Ourense”, salientou a líder do BNG, que aventurou un ”resultado histórico” que permitirá “darlle futuro a unha cidade que leva sete anos á deriva e totalmente paralizada”.

O BNG busca unha urbe que  “volva ser faro de cultura e suba ao tren da transformación urbana que pon no centro ás persoas”, dixo Pontón, quen prometeu “unha xestión eficaz que mellore a vida da veciñanza”, porque Ourense merece ser “un concello accesible, integrador, solidario, cun coberno coas portas e as fiestras abertas”. Asemade, desfíxose en louvanzas cara Seara Rhut Reza (concelleira) polo traballo feito e pola ”serenidade” que amosaron para resistir “provocacións” do actual alcalde. En todo caso, chamou a “esquecer eses episodios” e non mirar atrás, pensando só na alcaldía. 

En canto a futuribles, a líder nacionalista desbota de calquera ecuación ao PP, xa que son “cómplices necesarios da desfeita institucional, económica e social destes anos”. Por contra, a folla de ruta do BNG aposta por “un novo comezo” para que Ourense recupere  “o que nunca debeu perder”.

"Política con maiúsculas"

Seara, que se confesou “abrumado e emocionado” pola resposta do público, reivindicou a “política con maiúsculas” e pediu aos ourensáns que non acepten o discurso de que en política son todos son iguais, porque iso supón “abrir as portas ao fascismo e ao populismo”. O nacionalista, que dixo que vai “a por todas” nas municipais para “reconstruír o Concello”, reivindicou que a vida municipal non debe ir só de “asfaltar rúas e pór bancos, que tamén”, senón que débese “pensar en grande, transformar unha realidade con ambición para desenvolver proxectos que sitúen a Ourense na vangarda das cidades de Europa, que volva ser o referente cultural que sempre foi, que teña máis persoas camiñando e máis zonas verdes”. Para iso, a folla de ruta pasa por “recuperar a autoestima” e procurar o “equilibrio entre urbano e rural”. E finalizou tirando de orgullo: “Ningunha outra cidade ten máis potencial ca nós, ningunha”.

Un acto ateigado de xente para impulsar “o alcalde que Ourense necesita”

“Ourense con orgullo” foi o lema no acto do BNG no Teatro Principal, un espazo ateigado de xente, onde se ocuparon as 400 butacas para recibir a quen foi presentado como “o novo alcalde de Ourense”. Había históricos como o exvicepresidente da Xunta Anxo Quintana, o exconselleiro Alfredo Suárez Canal; cargos institucionais e representantes da sociedade civil. O “orgullo” foi a palabra más repetida. Como salientou a concelleira Rhut Reza, a outra edil do BNG no Concello, Seara é unha persoa coa “cabeza e o corazón en Ourense, o alcalde que Ourense necesita”, frente a un momento actual no que “non hai ninguén ao volante”.

Te puede interesar