Vilamarín experimenta un pulo importante con 3,1 millóns para crear chan industrial e vivendas

A cidade absorbe o 40,6% das inversións da Xunta para o vindeiro ano na comarca ourensá

Os investimentos reais territorializados por comarcas da Xunta deixan na de Ourense 39 millóns de euros. A cidade e o municipio de Vilamarín son os que reciben as dotacións máis cuantiosas, 15,9 e 3,1 millóns, respectivamente.
Unha vez chegado o momento de repartir cartos, nunca chove ao gusto de todos. Analizando o capítulo de investimentos reais territorializados por comarcas da Xunta de Galicia para o vindeiro ano, a ourensá ten previsto recibir en 2010 un total de 39.367.833 euros. Esta cifra supón o 14,9% do total destinado neste capítulo inversor na provincia (263.304.810 euros).

A cantidade orzamentada para a cidade e a súa área comarcal prima, por riba de todos, a tres municipios: Ourense, Vilamarín e San Cibrao.

Na cidade están previstos investimentos por valor de 15.996.055 euros, un 40,6% do total comarcal. Neste apartado sobresaen as inversións para a mellora do colexio Amadeo Barroso (2,1 millóns), a humanización de rúas (3,6 millóns), ou o plan director do Complexo Hospitalario (4,5 millóns). O alcalde, Francisco Rodríguez, reitera que estes orzamentos non van na liña do tantas veces anunciado ‘reequilibrio territorial’. Di que as partidas para o colexio e para a mellora nas rúas ‘xa estaban comprometidas co anterior goberno autonómico’ e recorda que a asignación para o CHOU ‘dista moito dos 14 millóns que estaban previstos’.

Bota de menos Francisco Rodríguez un apoio orzamentario para o Plan Estratéxico de Termalismo, para o proxecto de soterramento do Campus, para máis centros de día ou para a Praza de Abastos. ‘Se quitamos o da Cidade da Xustiza -15 millóns non incluidos neste capítulo do orzamento- non hai nada novo’, di Rodríguez.

Opinión diametralmente oposta é a do alcalde de Vilamarín, o segundo concello máis beneficiado por estes investimentos. Amador Vázquez sinala que os 3.142.890 euros orzamentados servirán para rematar a segunda fase do parque empresarial (contará con máis de 30 novas parcelas), e para a construcción de 30 vivendas de protección (hai máis de 100 solicitudes para optar a elas) ‘no mellor sitio do municipio, ao carón da igrexa’, di. Asemade, Amador Vázquez recorda que a Xunta adicará outras partidas a construir o tantas veces demandado acceso ao parque empresarial e para a mellora da estrada que comunica Cea con A Barrela. ‘Este ano nos compensaron por estes últimos catro’, considera o rexedor.

Demandas históricas

O segundo municipio máis importante da comarca ourensá no tocante ao seu peso poboacional, Barbadás, recibirá 150.000 euros para a contrucción do seu instituto de Secundaria, unha das demandas históricas do concello. O seu alcalde, José Manuel Freire Couto, sinala o seu convencemento de que a Xunta tamén adicará unha partida de 900.000 euros para o novo centro de saúde.

Pereiro de Aguiar quere máis ‘xustiza’


O municipio de Pereiro de Aguiar é, segundo o seu tenente de alcalde, Manuel Doval, o sexto da provincia en peso demográfico (o Instituto Nacional de Estadística contabiliza 6.049 habitantes en 2008). Nembargantes, bota en falla que este aspecto se vexa reflectido nos orzamentos da Xunta. ‘Non queremos privilexios, queremos que se nos dé o xusto’, di Doval. O municipio de Pereiro de Aguiar ten consignados 888.312 euros (2,2% do total comarcal), adicados á última fase do seu polígono industrial e a melloras dos recursos forestais. ‘Temos un grave problema co déficit de saneamento e depuración no Loña que non sae nos orzamentos’, recorda Manuel Doval.



Te puede interesar