O proxecto dixital 'España es cultura', posto en marcha polo Ministerio competente, recomenda un total de 68 recursos patrimoniais da provincia, pero esquece puntos importantes coma o castro de San Cibrao de Las.

Cultura esquece a riqueza ourensá

A cultura española nun máximo de tres clics.
Así presenta o Ministerio o proxecto 'España es cultura-Spain is culture', materializado na práctica na páxina web 'www.españaescultura.es'. De entre os moitos recursos que figuran no sitio virtual, hai un que lle permite ó usuario compoñer as súas propias rutas turísticas e outro que amosa as mellores propostas segundo os distintos públicos: familias, mocidade ou mulleres, entre outros. Pero, sen dúbida, o máis interesante apartado é aquel que ofrece o total dos atractivos turísticos de España a través do mapa xeográfico. É dicir que se o usuario vai 'pinchando' nas diferentes comunidades autónomas, a páxina web lévao ata alí e diferentes 'bocadillos', coma os dos tebeos, indican o número de recursos culturais de cada unha das provincias. Sumándoas todas dan un resultado de 7.334, das cales 2.318 están ubicadas entre Cataluña e Madrid, do que resulta que un 31,61% dos puntos de interese de España están repartidos entre as dúas grandes cidades do estado.

Galicia está na sexta posición con 437 recursos, se a lista se elabora tendo en conta o número de puntos indicados na páxina do Ministerio de Cultura. En termos porcentuais, o peso do patrimonio galego en España é dun 5,96%, lixeiramente inferior ó de Castela e León, Castela-A Mancha e a Comunidade Valenciana. Dentro do territorio autonómico, a provincia de Ourense representa só un 15,56%, con 68 recursos dos 437 totais, mentres que outras como A Coruña (166) supoñen máis do dobre. No conxunto español, o patrimonio da provincia nin sequera acada o 1%.

O problema, claro está, non é a cantidade de elementos de interese para o turista que mostra a páxina 'España es cultura', senón que se botan en falta moitos espazos con indudable recoñecemento. Aparecen, por exemplo, pezas coma o Guerreiro de Armeá, a ara de Calpurnia Abana das Burgas ou a Tábula de Castromao; pero non hai rastro de conxuntos arqueolóxicos da magnitude do castro de San Cibrao de Las, que se converterá nun dos catro centros da cultura castrexa de Galicia no 2012.

O espazo web foi presentado a finais do mes de xuño pola ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, co obxectivo de servir de 'ferramenta de apoio ós axentes económicos cunha actividade que xire en torno á cultura'. A nota de prensa enviada o día da presentación indica que a páxina se presenta como un 'gran escaparate que lle dá entrada ós elementos que pola súa actualidade ou importancia requiran dunha promoción a primeiro nivel'.

A guía do Ministerio non promove só as construccións humanas, senón que tamén lle adica un espazo ó patrimonio natural. A reserva da biosfera da área de Allariz ten, no proxecto cultural, un máis que merecido espazo. Con todo, o proxecto esqueceuse dos parques naturais ourensáns. Nin O Invernadoiro de Vilariño de Conso, nin a internacional Serra do Xurés da Baixa Limia, nin a Enciña da Lastra de Rubiá figuran aínda en ningún dos apartados e rutas de 'España es cultura'. Das 85 festas declaradas de Interese Turístico en Galicia, 15 están en Ourense, pero só cinco contan con presencia na plataforma cultural. Son os entroidos de Xinzo e Verín, a festa da Istoria de Ribadavia, Os Maios de Ourense e a festa do Pulpo do Carballiño. Este municipio é, xunto coa cidade de Ourense, Allariz, Boborás e Ribadavia, un dos poucos destinos recomendados na provincia. Díselle ó usuario da páxina que visite o festival de cine e as Xornadas do Folclore, pero dentro dos roteiros culturais, só gañou praza a comarca do Ribeiro, nin sequera o Cemiterio de San Francisco, que se sumou á lista de Bens de Interese Cultural no ano 2000.

Aínda que en proceso de ampliación, a primeira fase non foi especialmente xenerosa coa provincia, mentres que outras como Barcelona, con 595 recursos, ou Valencia, con 272, representan maiores porcentaxes no conxunto estatal. Son, en esencia, as provincias economicamente máis fortes as que maior patrimonio teñen para o Ministerio.

Te puede interesar