“EmprendOU”, con máis de 2 millóns de euros, amplíase ata 2022 en resposta ao covid

As medidas buscan apoiar que persoas de entre 16 e 30 anos poidan crear o seu propios posto de traballo nas áreas rurais

Maior impulso para o emprendemento no rural en tempos do covid-19. Así resume a Deputación de Ourense a nova estratexia do programa “EmprendOU”, que se ampliará ata 2022 en resposta ás consecuencias provocadas pola pandemia, destinando un orzamento de máis de dous millóns de euros.  

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, afirma que este programa que desenvolve a Deputación de Ourense, a través da Área de Benestar, “adáptase ás circunstancias da crise sanitaria, económica e social para afrontar o reto demográfico a través de axudas a emprendedores en municipios rurais de menor poboación”. As medidas van dirixidas a apoiar novas actividades empresariais para que persoas de entre 16 e 30 anos poidan crear o seu propio posto de traballo nas áreas rurais afectadas polo reto demográfico. 82 concellos estanse beneficiando desta iniciativa. 

O proxecto EmprendOU é a o primeiro aprobado en España polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (axudas EMP-POEJ). Promove a creación de emprego para persoas mozas, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil. A finalidade é incrementar o desenvolvemento profesional e laboral da poboación máis nova; aumentar o atractivo do mundo rural e provocar un "efecto chamada" por parte da provincia cara aos mozos con mentalidade emprendedora, “aumentando as ferramentas de loita contra o reto demográfico e o despoboamento rural, políticas consideradas prioritarias pola Deputación de Ourense”, afirma Manuel Baltar. 

A dispoñibilidade orzamentaria para este programa ascende a 2.025.000 euros, sendo a axuda concedida ás persoas beneficiarias de 712,5 euros por cada mes de exercicio efectivo, cun mínimo de 6 meses e un máximo de 12 meses. O obxectivo é crear 250 empresas de mozos en 82 concellos da provincia. Esta iniciativa, posta en marcha polo goberno provincial, recolle as posicións xurdidas da Conferencia de Presidentes, na que se acordou impulsar medidas específicas para facer fronte ao desafío demográfico, que culminou coa "Estratexia nacional fronte ao reto demográfico". 

Te puede interesar