O Gordo pode estar nas aldeas de Toén ou Barbadás

Os décimos están agochados nas aldeas de Sobrado do Bispo (Barbadás), o Moreiras (Toén)
photo_camera Os décimos están agochados nas aldeas de Sobrado do Bispo (Barbadás), o Moreiras (Toén)
Sesenta participacións de lotaría. Este é o motivo polo que os veciños de aldeas rurais de Barbadás e Toén andan coma tolos na súa busca porque xa se sabe: nunca toca, pero… e se deste ano vai e está agochado?

Os veciños de Sobrado do Bispo (Barbadás) e Moreiras (Toén) andan tolos buscando as 60 participacións de lotaría agachados en lugares senlleiros destas pequenas aldeas rurais destes dous concellos da área metropolitana. Esta iniciativa está organizada pola asociación Porta da Cadea, de Sobrado, e a Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén. David Sabucedo, desta segunda asociación, foi o que puxo en marcha esta iniciativa o ano pasado. Este ano contou coa axuda doutra integrante, Ana Lorenzo, quen comenta que “este ano subiu moito o nivel de dificultade, porque o ano pasado atopáranse case todas no primeiro día”.

Destaca que o mércores, xusto despois de rematar de agochar toda a lotaría, “xa había unha nena, ás 12 da noite, cunha lanterna para empezar a buscar”. Ademais, coas pistas espallan o patrimonio cultural e etnolóxico das súas aldeas. “Por exemplo, referirnos a certos lugares como se lles chamaba antes. Esa é unha forma de que non se perdan os nomes tradicionais”, exemplifica Lorenzo.

Aínda quedan “máis da metade das participacións, e incluso un décimo completo” por atopar, así que os veciños aínda están a tempo de dar con elas. 

Te puede interesar