entrevista

“A igualdade actual é un espellismo: se cre que se está facendo todo e non é certo"

A socióloga Silvia Pérez Freire
photo_camera A socióloga Silvia Pérez Freire, xunto a un panel sobre a explotación sexual.

A socióloga e profesora da UVigo Silvia Pérez Freire imparte unha conferencia sobre trata e prostitución 

Con motivo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres –conmerodado este luns– o Concello de Ourense, en colaboración coa Universidade de Vigo, propón varias actividades para convidar á cidadanía a coñecer esta realidade. Na tarde de hoxe, a socióloga e profesora da UVigo Silvia Pérez Freire, especializada en violencia de xénero, falará de trata e prostitución a partir das sete da tarde na sala Emilia Pardo Bazán do Campus.

Que tipos de comercio sexual existen?

Hai tres contextos diversos, en todos as mulleres sufren danos non reparados nunca, froito da desigualdade de xénero, da pobreza e da vulneración de dereitos fundamentais. Estamos falando de explotación sexual, trata e prostitución.

Cal é a diferencia entre trata e prostitución?

A trata prodúcese cando un terceiro se está lucrando da prostitución allea, e está organizado dende a orixe da muller, haxa ou non cruce de fronteiras. A propia prostitución só se refire ó intercambio de sexo por diñeiro. 

Que implica a explotación sexual?

É aquel contexto no que un terceiro estase lucrando da prostitución allea. O problema é que a prostitución normalmente pode agochar tanto explotación como trata. 

Hai confusión social entre os tres contextos...

É moi díficil discernir a realidade dunha persoa, normalmente muller, que se atopa nunha situación extrema na que só pretende sobrevivir. Aquí o estado debería de ser valente e perseguir coa debida dilixencia a trata e a explotación sexual, algo que non esta a facer. Tamén debería ofrecer as mulleres en situación de prostitución saídas laborais lexítimas. Algo que parece sinxelo resulta ser moi complicado de facer. 

Por que escolleu falar deste tema na súa ponencia de hoxe?

Porque a trata está sendo o chivo expiatorio social para non afrontar o fenómeno da prostitución. É certo que houbo moitos avances nos últimos anos nesta materia e a nivel lexislativo só co que temos sobre a mesa xa se podería facer moitas cousas que non se están a facer. Esperemos que a forte concienciación social existente ocasione que as institucións se tomenen serio este tema dunha vez por todas.

A sociedade está informada?

Desgraciadamente neste tema segue a existir moito oscurantismo e demasiados prexuízos, por iso as xornadas coma estas son imprescindibles. 

Mentres, os asasinatos machistas seguen sucedéndose...

Como en todos os temas, os avances lexislativos son moi importantes pero non cambian unha realidade social por si mesmos. A Lei integral foi un gran punto de inflexión no seu momento pero non foi acompañada dun desenvolvemento efectivo da mesma. A crise económica provocou a reducción extrema dos recursos económicos e mesmo o desmantelamento dun tecido asociativo que sustentaba parte das carencias institucionais. As mulleres máis vulnerables quedaron desamparadas.

A situación segue igual?

A realidade é a mesma que a de entón pero agora vivimos no espellismo da igualdade, se cre que se está facendo todo o que se pode e non é certo, nunca se fixo. 

Te puede interesar