Jesús Blanco: ‘Nun momento de crise, non está no ánimo da Tesourería atosigar ós empresarios’

Jesús Blanco, durante a entrevista.  (Foto: Xesús Fariñas)
Jesús Blanco é dende 2004 o director provincial a Tesourería e do Instituto Nacional da Seguridade Social, organismo ó que pertence dende 1984.
Como analiza a evolución da Seguridade Social nos últimos anos?

Na evolución recente, un punto de referencia pode ser a anterior crise de 1992-93, cando algúns gurús predecían que ía quebrar, pero os feitos demostaron que estaban equivocados, porque desde 1996-97 empeza unha recuperación que nos leva ós mellores índices e hoxe mesmo estamos na mellor situación da Seguridade Social de tódolos tempos. En Ourense, en concreto, a evolución da afiliación amosa que en 2004 había 103.270 afiliados, e en outubro de 2008 eran 110.592. De feito, en novembro incluso mellorou con respecto a octubro, aínda que é unha cifra moi pequena, acadando os 110.663 afiliados. Mentres, en pensionistas seguimos manténdonos, aínda que vemos nos últimos meses que crecen algo, feito no que pode haber unha correlación con este problema de crise, pola xente que, se non ve unha saída e pode acceder á pensión de xubilación, faino. Nos últimos anos, a variación é pequena: había 109.768 en 2004 e en novembro de 2008 temos 109.171.

Que evolución prevé na afiliación, tendo en conta a situación de crise?

De momento sostémonos. Outro tema é que, como imos un pouco máis retardados, igual nos afecta a crise un pouco máis tarde. Pero se chega tarde é o mesmo tempo vemos que se reactiva noutros lugares, tamén chegará a reactivación antes. Tomando os datos concretos do sector da construcción, en Ourense a perda de empleo en función de afiliados non é realmente tan dramática. Así, número de autónomos neste sector en decembro de 2007 era de 5.008, e actualmente é xustamente o mesmo (houbo unha caída pequena e agora iniciouse unha recuperación). Mentres, os afiliados no réxime xeral decembro de 2007 eran 9.798 e a outubro de 2008 temos 9.361. Veremos se as medidas do Goberno de darlle cartos directamente ós concellos para reactivar este sector poden facer que quizais xa o próximo ano se podan mellorar as cifras.

Ourense ten unhas pensións moi baixas, debido sobre todo ó alto peso do réxime agrario e os baixos salarios. Poderase, xa a medio ou longo prazo, mellorar esta situación?

Creo que si. En todo caso, a esas causas hai que engadir outra importante, que é a emigración. Hai moita xente que emigrou e ten boas pensións de Suiza, Alemania ou outros países. Esas pensións poden concorrer con unha española, que xa non vai ser de 500 euros, senón ó mellor de 70. Pero nas estatísticas non contamos a estranxeira, senón só a española, o que fai baixar moito a media. Por iso, temos moitas pensións inferiores ás mínimas, porque ou ben ten outra pensión concorrente ou outros ingresos moi elevados. Por outra parte, o cambio do réxime agrario supón un pequeno esforzo para o agricultor, pero mellora as pensións ou, polo menos, dalle a posibilidade de melloralas, que antes non tiña. Agora pode cotizar pola base máxima, igual que os autónomos; iso ten que analizalo el mesmo.

Están mellorando as pensións máis baixas?

En xaneiro de 2004, había 110.188 pensionistas e pagaba mos 46.446.000 euros en pensións; en xaneiro de 2008 hai 109.400 pensionistas e pagamos 57.477.000 euros. É diñeiro que ven da caixa única, que se redistribúe entre a poboación, e un 33% da de Ourense é pensionista. Esto supón que houbo un incremento dun 23,75% en catro anos, mentres o incremento medio estivo nun 12%. Son datos relativos ás pensións, pois se engadimos as outras prestacións, estamos pagando en Ourense máis de 61 millóns de euros.

Repercute a crise na recadación?

Nun momento de crise, tampouco a Tesourería está no ánimo de atosigar os empresarios; ó contrario, queremos darlle facilidades. Por exemplo, no último mes houbo 32 aplazamentos de cotas por 377.162 euros. Hai un incremento con respecto a meses anteriores, pero tampouco se está disparando. Se hai posibilidade de saír dun mal momen to, a Seguridade Social vaille facilitar as cousas. Cabe engadir que, aínda que nesta cuestión inflúe a crise, tamén temos una executiva que funciona ben, porque nalgún tempo non se pagaba á Seguridade Social e non pasaba nada, pero hoxe non é así.

Como é o nivel de cumprimento da empresa ourensá? Prevese que empeore coa crise?

O índice de morosidade está no 0,6%, non temos maior problema. A crise, nalgunha medida afectará, pero tampouco hai que pensar que vaia ser moito máis. Agora mesmo o sistema non ve en Ourense ningún declive na recaudación e a nivel nacional tampouco.

Levan varios anos desenrolando un programa de visitas de funcionarios da Seguridade Social alemana a Ourense. Teñen previsto repetilo ou estendelo a outros países?

Estamos a facelas dende 2004. Ourense foi a primeira provincia galega á que viñeron, logo Pontevedra e A Coruña. Queremos seguir con elas, tanto a Seguridade Social alemana como a Dirección General en Madrid queren facer o mesmo. Estase estudiando con outros países, como Suiza ou Francia, pero teñen outra estructura diferente. Pero non só veñen os alemáns aquí, tamén un funcionario de Ourense foi xa varias veces a prestar asesoramento ós emigrantes alí.

Te puede interesar