Cultura

O Liceo lembra ao xornalista "Ruco" coa súa “Memoria"

Viruca González Estévez, viúva do xornalista Arturo Lezcano, protagonizou un emotivo acto no Liceo en homenaxe ao finado intelectual que cofundou o Cine Club Miño, foi discípulo de Vicente Risco e redactor de La Región, onde deu o primeiro paso para converterse despois nunha das bisagras do xornalismo galego na segunda metade do século XX. "Ruco na memoria" foi o acto organizado pola Fundación Vicente Risco no que se presentou o libro póstumo do escritor: "Memoria".

Celia Pereira, presidenta da citada fundación, lembrou que esta homenaxe a "Ruco" "xa se tería celebrado de non ser pola pandemia".

A muller de Arturo Lezcano confesou a importancia destas "memorias" e agradeceu, no nome da familia, a súa publicación. "Esta viaxe custoume facela, a derradeira vez que o Ruco veu comigo a Ourense foi hai cinco anos. Percorremos a cidade como faciamos sempre, a mellor terra do mundo. Para nós, Ourense foi todo", dixo unha emocionada Viruca González, que lembrou á súa parella "de cincuenta anos, que eramos amigos, confidentes e amantes. Pero diferentes, porque ser diferentes é ser existentes". Sobre o libro, González apuntou que "está feito con moito amor, cariño e nostalxia. O Ruco estaría moi ledo de atoparse aquí. A miña voz québrase cando falo del, do meu home". 

Despois dun longo aplauso á muller que lle coidaba os manuscritos a Arturo Lezcano e lle "picaba" as verbas no ordenador, falou o escritor Camilo Franco. "É unha biografía dobre. O reflexo de Lezcano e o reflexo da biografía da cidade. Non se poden separar as biografías do lugar no que acontecen", dixo. Avanzou que en "Memoria", de Arturo Lezcano, hai "un humor socarrón que vai levando a historia, non é unha novela de nostalxia. Creo que Arturo quería que se dixese que nesta novela ninguén pode cidir que é mentira nin verdade, porque son dous conceptos que coexisten".

O  avogado e profesor da Uvigo Xosé Manuel Pacho sinalou que "se coñecemos a Ruco, entedentemos moitas cousas. El entendía moi ben o esperpento. Entender a novela é entender a Ourense".

 A homenaxe continuou en Allariz, na sede da Fundación Vicente Risco, onde se nomeou a sala de xuntas como Arturo Lezcano "Ruco". 

Te puede interesar