A agrupación musical lembra a historia xudea e medieval de Ribadavia

'La Lira' edita disco no seu 170 aniversario

A capital de O Ribeiro celebra neste 2010 un cabo de ano moi especial, ó da Banda de Música 'La Lira', a agrupación musical decana de Galicia, xa que foi creada en 1840, é dicir, que cumpre 170 anos amenizando festas, verbeas e romarías nas catro provincias da comunidade e no resto do Estado.
Unha celebración que reflexa unha ampla traxectoria de máis de século e medio, cos seus altos e baixos, nos que destaca hai cinco anos un amago de disolución debido a enfrontamentos entre os seus compoñentes. 'Houbo unha crise, que foi superada coa volta de Manuel Vázquez Gregorio á dirección musical, na que collín eu o relevo o ano pasado', sinala Juan Carlos López Vázquez, que chegou a Ribadavia tras rexer a banda de música de Vilanova dos Infantes.


PARTITURAS

Este profesor de trompeta é agora o depositario do amplo legado deixado por Moisés Espinosa, Luis Brage, Pedro Orobio e o propio Gregorio, 'máis de 2.000 partituras dunha calidade impresionante, as cales tentaremos recuperar para os concertos deste aniversario'. Con medio cento de compoñentes cunha media de idade que non chega ós 24 anos, 'La Lira' non esquecerá á vila onde naceu, 'e por iso imos gravar un disco compacto, que sairá no vindeiro mes de agosto, cunha selección de pezas novas centradas na historia xudea e medieval', comenta Juan Carlos López.

Así, no repertorio previsto destacan a 'Suite hebraica', cunha duración de 21 minutos, a popular israelí 'Hava-Nagila', e 'Cabaleiros de Santiago', que figurarán no disco xunto a outras sintonías. As actividades programadas pola Asociación de Amigos de 'La Lira' incluirán unha homenaxe a tódolos músicos que pasaron por ela, 'aínda que non estén en activo', e unha exposición na Praza Maior.

Te puede interesar