'Galaicus', que ten o apoio da Deputación, do Concello e de Xinzo, comezará a rodarse en 2012

Luis Tosar protagonizará unha de romanos en Ourense

Blanco, Isabel Pérez, Antonio Pérez, Castromán, Tosar, Baltar, Riós, Francisco Rodríguez e Xosé Manuel Rodríguez. (Foto: JOSÉ PAZ)
Os productores de 'Galaicus', un filme que recrea a ocupación romana da Limia, anunciaron que a cinta comezará a rodarse durante o primeiro semestre do 2012. Polo de agora está xa rematada a cuarta versión do guión, 'practicamente a definitiva', baseado nunha idea do interprete ourensán Rubén Riós. Así o anunciaron os responsables da productora Zircozine, Farruco Castromán e Luis Tosar. Este último interpretará o papel de Décimo Xunio Bruto na historia que conta o cruce do río Limia durante o século II a. C., o proceso de romanización de Galicia e das loitas que xurdiron entre latinos e castrexos.
A pesar de que aínda non se coñecen moitos detalles da filmación e composición artística de 'Galaicus', nin sequera o idioma en que será gravada, o que si está claro é que as localizacións estarán ubicadas nas provincias de Ourense e Lugo, con certa prevalencia para a primeira. Actualmente, parten cun orzamento de entre 3,5 e 4,5 millóns de euros, pero mantéñense abertos a máis vías de financiación, entre elas, as subvencións da Agadic. Ademais, tratan de darlle un carácter internacional ó proxecto, polo que comezaron xa os contactos con países como Irlanda ou Inglaterra, ós que lles pode interesar pola súa orixe celta. Ata o de agora participan financieiramente na película o Inorde, a Deputación e os Concellos de Ourense e Xinzo, entre outros, aínda que non se concretou a súa aportación.

Con 'ilusión e ganas' afronta o realizador Rubén Riós un traballo que naceu coma unha curtametraxe e agora medra transformado nunha gran película que 'ten que ver co concepto de identidade de Galicia', segundo o calificou Luis Tosar, quen acudiu onte á presentación da película. Tanto este coma o resto dos representantes coincidiron en salientar a presencia de tódalas forzas políticas no proxecto, así como que a súa rodaxe en Ourense servirá para poñer en valor tanto a cidade como a provincia.

Te puede interesar