Moitos dos autores que pasaron pola semana Auria de Literatura Histórica adicaron parte da súa estadía no Posío a atender ós seus lectores, deixando a súa sinatura nos exemplares dos seguidores.

Moito máis ca un autógrafo

Manuel Rivas bateu, ata o de agora, o récord de sinaturas de libros na Semana da Literatura Histórica Auria. Foron 70 os exemplares nos que foi capaz de 'botar un autógrafo' durante unha hora enteira. Á fin e ó cabo, nos 'Encontros co autor' só podían entrar unha decena de persoas, pero non eran tan poucas as que desexaban intercambiar unhas palabras cos autores que participaban na exitosa iniciativa cultural.
En cada unha das xornadas houbo tempo reservado para que os lectores se achegaran a escritores que admiran, libro en man, para volver cun moito máis valioso para as súas casas. Os que podían, acudían dentro do horario establecido, pero nin organización nin os propios autores tiveron ningún problema para deixar a súa pegada nos volumes dalgún espontáneo que aproveitaba o momento antes e despois dos encontros, das mesas redondas e dos relatorios. E non só dentro da carpa. A Vázquez-Figueroa houbo quen o recoñeceu nun restaurante e, el, amablemente accedeu a atender ó seu admirador.

Aínda que de todo hai no mundo, dende o equipo directivo de Auria aseguran que todos e cada un dos convidados que se achegaron esta semana a Ourense foron moi atentos co público, que todos se paraban cos que lle preguntaban as súas dúbidas e que todos estiveron moi cercanos cos lectores. Non obstante, tamén foi exemplar o comportamento do público, que esperou o tempo que fixo falla mentres a cola avanzaba sen protestar. E, cando o turno chegaba, ningún escritor mantivo a actitude de pór un garabato nun papel sen nin sequera mirarlle os ollos ó seu lector. Ó contrario. Os participantes escribían unhas palabras en cada exemplar e Manuel Rivas incluso realizou debuxos en varios volumes. Unha vez se conseguiu o obxectivo, a primeira páxina en branco, que deixou de estalo, é mirada e remirada polos lectores, que marchan lendo, e nalgúns casos descifrando, ese escrito que deixou para sempre aquel que figura debaixo do título da obra.

Te puede interesar