Actor

MONCHO BORRAJO: 'En tempos de crise, o que precisan os espectadores é alegría'

Moncho Borrajo
O artista Moncho Borrajo volve á súa terra natal con 'Golfus Hispanicus', un novo espectáculo no que en certa maneira foxe do que é habitual nel para lanzar acedas críticas á sociedade actual. Esta tarde estrea función no Teatro Principal ás 20.30 horas. Alí seguirá mañá á mesma hora e o domingo ás sete da tarde.
Que é “Golfus Hispanicus”?
É unha función de teatro que defino como traxicomedia musical e pasa por ser a solución máis teatral que fixen en toda a miña vida. Estes anos que estiven apartado dos escenarios servíronme para pensar as cousas doutra maneira. Neste caso, o protagonista da obra, ambientada na época romana, pide ver como será Hispania moitos anos despois. Acompáñame o actor Antonio Campos, que fai de mudo. Por riba do escenario hai moito colorido porque eu creo que en tempos de crise, a xente necesita alegría. As críticas que ten recibido a obra din que é o mellor que teño feito. En “Golfus Hispanicus”, o público tamén colabora, imos pasalo todos moi ben.

Sáese do tipo de espectáculo ó que estamos acostumados?
Si. Dalgún xeito, o habitual é verme vestido máis de persoa normal, ademais de que nesta obra hai un principio e un fin, todo ten un porqué, as cousas que ocorren, pasan por algo. Aínda que somos dous actores, trátase dun monólogo inmenso no que o terceiro protagonista é o público. A repercusión que está tendo é moi boa.

Son as funcións de Ourense citas especiais para vostede?
Tanto Vigo como A Coruña foron escenarios especiais, pero é certo que o é máis en Ourense porque aí teño moitos familiares e sinto que os ourensáns están moi orgullosos de min. En certa medida é un exame para min.

Agora hai alí unha exposición miña sobre as Meninas na que fago unha homenaxe ó pop art. A fundación funcionou moi ben este verán e imos pouco a pouco. Hai xente que non entende que un faga as cousas por puro altruismo e o certo é que deste mundo marchamos sen nada. Moitos pensan que os cartos fan ás persoas e eu penso que as desfán. Non teño fillos ós que deixarlles nada e por iso quero deixarllo ó meu pobo. Pero non podo queixarme, estou contento.

Te puede interesar