CONCELLO

O orzamento de Vilamarín será de 1,3 millóns en 2020

Os investimentos caen lixeiramente sobre o 2019, ó igual que o gasto en persoal

Vilamarín aprobou definitivamente o seu orzamento para este 2020, logo de que fose aprobado en pleno o pasado 16 de decembro e de que transcorrese o prazo para realizar as alegacións. O montante total ascende a 1,302 millóns de euros, dos cales quedan reservados para investimentos reais 193.030 euros, é dicir, un 15% sobre o total.

O Concello gastará  514.526 euros en bens correntes e servizos e case 342.000 euros en persoal, o que supón  un 26,2%. 

Este orzamento de 2020 é moi semellante ao que se aprobara no 2019. Entón, as contas ascendían a 1,28 millóns, e agora auméntanse en algo máis de 20.000 euros.

Na comparación co orzamento do ano pasado, baixan lixeiramente as partidas para investimentos, que o ano pasado estaban por riba dos 200.000 euros, pero tamén se reduce a contía que se gastará en persoal, que o ano pasado era 13.000 euros máis alta.

A aprobación do orzamento vén acompañada tambén da luz verde ao cadro de persoal do Concello. Así, hai 3 funcionarios de carreira, tres traballadores laborais fixos e 10 na parte de persoal laboral eventual, no que destacan os sete traballadores para o servizo de axuda a domicilio.

Tamén se aprobaron as indemnizacións por pleno, xuntas de goberno e comisións informativas –75 euros por cada unha–. A estas tres, engádese outra dieta, por reunións internas de cada un dos grupos –PP e PSOE–, de 75 euros, cun máximo de seis ao ano.

Te puede interesar