Ourense, el gran plató: Malencolía, de Alfonso Zarauza, rodarase en Carballiño

photo_camera Reunión no Pazo Provincial.
Tralo éxito de "Cuñados", rodarase un novo filme co apoio da Deputación

A provincia volverá a converterse en plató de cine moi pronto. En metade da voráxine do éxito actual de "Cuñados", a comedia de Portocabo rodada no Ribeiro, agora será outra produción apoiada pola Deputación de Ourense a que leve os recunchos da provincia á gran pantalla. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, recibiu ao gran triunfador dos XIX Premios "Mestre Mateo", o director Alfonso Zarauza -quen conseguiu este ano 9 dos 12 galardóns aos que aspiraba coa película "Ons"–, xuntanza na que lle confirmou o apoio da institución provincial á que será a vindeira película do guionista e director galego, "Malencolía". O filme rodarase na comarca do Carballiño. 

Baltar trasladoulle a Zarauza os parabéns polo éxito logrado nos Mestre Mateo, "o que supón un gran aval de calidade para o seu próximo proxecto, no que Ourense tamén será protagonista a través dos seus magníficos escenarios naturais, no marco da decidida aposta da Deputación polo ámbito audiovisual". 

Producida por Maruxiña Films, compañía fundada polos irmáns Alfonso e Rubén Zarauza  e con numerosas distincións nacionais e internacionais, "Malencolía" está concibida como "unha película de terror con temática tradicional galega, rodada integramente en galego e cun equipo técnico e artístico cen por cen do país", segundo trasladan desde a Deputación.

No encontro, celebrado no Pazo Provincial, tamén participaron o produtor Martín Calviño e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar.

O goberno provincial ourensán continúa así coa súa "aposta decicida" por Ourense como escenario cinematográfico e de series, co evidente impulso da provincia grazas á repercusión de filmes como "Cuñados". Foi precisamente na preestrea desta comedia onde Baltar anunciou a próxima produción, "Malencolía". 

Te puede interesar