O Centro Cultural acolle unha retrospectiva de preto de 100 pezas

Prego de Oliver regresa, aos 25 anos da súa morte

Un operario do Centro Cultural ultima a colocación dos cadros de Prego. (Foto: JOSÉ PAZ)
Durante este ano cumpriuse o XXV aniversario do falecemento de Manuel Prego de Oliver e, para lembrar a súa figura e todo o seu traballo, o Centro Cultural da Deputación inaugura hoxe unha exposición retrospectiva composta por preto dun centenar de cadros e debuxos do pintor ourensán. As paisaxes e retratos de Prego ocuparán desde hoxe e durante dous meses dúas das salas expositivas do edificio, das que xa colgaban onte boa parte das pezas, procedentes de fondos institucionais e coleccións públicas e privadas, ademais dos cadros que a familia do artista prestou para a ocasión.
Manuel Prego de Oliver naceu en Ourense no ano 1915 e na cidade morreu tamén en 1986. Está considerado como un dos maiores referentes pictóricos dos anos 50 e 60 en Galicia, cun estilo moi definido que vai dende un retratismo obxectivo dominado pola realidade ata un paisaxismo no que o autor lle permitía certas licencias á súa subxectividade. Aquí, en Ourense, tivo seis fillos que hoxe están en posesión da maior parte da obra de Prego. Trala Guerra Civil, que o obrigou a apartarse das aulas, o pintor converteu a paixón da pintura na profesión da súa vida, un medio do que conseguiu vivir e sacar adiante á súa familia.

A inauguración da mostra de Prego de Oliver será hoxe, ás 20.15 horas no Centro Cultural.

Te puede interesar