área metropolitana

A prevención dos lumes activa a todos os concellos da área metropolitana

Os municipios da comarca organizan charlas para involucrar os veciños e comezan as limpezas

Os concellos da área metropolitana comezaron a tomar unha serie de medidas para a prevención dos incendios forestais, co obxectivo de que os veciños cumpran coas súas obrigas de manter limpas de maleza as franxas que establece a lei. En Amoeiro veñen de rematar unha xeira de charlas cun axente forestal no que percorreron todas as parroquias, informando sobre os premisos de queimas e poda. así como das franxas. Ademais, onte mesmo o Concello iniciaba as rozas manuais en Chacín, O Burgos, Arruxo e Outeiro de Trasalba.

Pola súa banda, o Concello de Coles organiza hoxe, ás 12,00 horas, unha charla sobre prevención de incendios na que presentará o seu mapa de franxas, que elaborou durante as últimas semanas, como adiantara este periódico. Nel, delimitou as parcelas para destacar exactamente as franxas que cada veciño haberá de limpar. 

A Peroxa tamén inicia hoxe a compaña, ás 20,00 horas, nunha reunión na que informará aos veciños sobre queimas, cortas e franxas de protección. Barbadás aprobou recentemente unha moción na que se comprometía a limpar de maleza os entornos das estradas, mentres que en Vilamarín un axente forestal reuniuse onte cos veciños para informar de todo o que hai que facer para cumprir a lei. 

En Nogueira iniciaron onte unha ruta que percorrerá cinco locais sociais para informar. Mentres, en Pereiro xa están a notificar aos veciños a necesidade de limpar e tamén percorrerán as asociacións. 

Te puede interesar