ENTREVISTA

Raúl Alfonso González: "Se cada fiel doa 150 euros ao ano, sobran os cartos para facer cousas nas parroquias"

Un total de 481 ourensáns deixaron de marcar o "X" da Igrexa católica na súa declaración da renda do 2018, realizada en 2019.Sinalar este casilleiro supón que o Estado destine ao sostemento da Igrexa un 0,7% da cota íntegra do IRPF correspondente aos contribuíntes. Galicia é a segunda comunidade autónoma que menos fai este xesto, só tras Cataluña. Unha situación preocupante mirando ao futuro da institución, que vén de case tres meses de parón pola pandemia, coa consecuente reducción de ingresos. Segundo os datos aportados pola Diócese de Ourense, pese á caída das asignacións (unha tendencia estable dende o ano 2013), o importe recadado segue aumentando cada ano. Recaudáronse 29.614 euros máis que na pasada campaña, ascendendo o importe asignado por esta vía a 1.037.185 euros. Por estas datas, o Bispado de Ourense estaría coa campaña para animar a poboación a marcar o "X". O virus impuxo outras prioridades, pero o futuro é "duro" cuns ingresos que supoñen ata o 41% dos recursos dos que dispón a Diócese e se verán marcados polo descenso das rendas. O delegado de Asuntos Económicos, Raúl Alfonso González, analiza a situación. 

Como afectaron ás contas do Bispado estes tres meses de pandemia?

As nosas parroquias dependen nun 50% das aportacións directas dos fieis, que son un 90% das colectas parroquiais. Dous meses completos estiveron as igrexas cerradas ao culto, unido a que moita xente non podía saír, supón un descenso grande en torno a un 50% dos ingresos das parroquias. O ano pasado aportáranse cerca de cinco millóns de euros en colectas. Neste momento hai parroquias que xa están pasando un apuro. Temos asegurado para este ano un ingreso permanente pero vai pasar factura porque hai moita xente en dificultade económica e as rendas van baixar moitísimo. Os ingresos van ser considerablemente menores na asignación tributaria.

É a campaña máis potente que se recorda a que ten que facer a Diócese este ano?

Realmente non estamos facendo nada extraordinario porque as enerxías hai que poñelas noutras cousas. Xa se pon directamente en acción caritativa nas parroquias. O comedor de Cáritas dobrou os menús diarios. Estamos analizando o que vai vir, isto vai supoñer uns meses moi duros. A xente sabe que ten a opción de marcar o X da Igrexa, é multiplicar por dous o que podemos facer. A igrexa estivo ao pé do canón, os curas buscamos medios de todo tipo. Ata o bispo se puxo a facer de youtuber.

Preocupa o tema de Cáritas e o comedor social a nivel económico, vai haber que adicar máis gasto a esta cuestión?

Si, preocupa moito. Veñen tempos duros. Haberá que ter algún que outro tipo de partidas. E as administracións terán que ter tamén algún programa para que Cáritas chegue a toda a xente.

Un 30% de ourensáns marcaron o X o ano pasado. Que expectativas hai?

En torno ao millón de euros que ingresamos foron o aportado polos de ourensáns, o resto ven doutras Dióceses. En Galicia estamos preocupados porque a porcentaxe de asignacións é baixa, un 29%. En Ourense estamos no 34% pero para a vida que ten a Igrexa en Galicia, unha porcentaxe tan baixa de asignacións á Igrexa é raro.

Falan nalgunha ocasión do “descoido" de non marcar o X como motivo.

Pode ser. Moita xente confíalle a declaración da renda a xestores e a realidade é que moitas veces non se pregunta. Da memoria deste ano chámame a atención que os menores de 19 anos están asignando un 33%, chamoume a atención porque hai máis nesa franxa de idade que de 20-40 anos. É significativo que o máis xóvenes fagan máis que  a media de Galicia.

A expectativa é que se reduza o número de contribuíntes que marcan o casilleiro?

Non creo que se reduza, pero as rendas baixan. Imos ter un baixón grande que vamos ter que complementar doutra maneira, as necesidades aumentan. Temos que tentar facer un traballo nas parroquias e convencer os fieis de que a súa aportación ten que ser algo máis persoal, máis maduro. Unha cantidade mensual, unha subscrición periódica para que teñamos forma de facer presupostos máis reais nas parroquias, ás veces non sabemos co que podemos contar. 

Que outras fórmulas de ingresos contemplan?

O portal "Dono a mi Iglesia", a nivel nacional. Podes donar á túa parroquia directamente a cantidade que queiras. Sería factible, por exemplo, que cada fiel aporte 150 euros ao ano, se van unhas 10.000 persoas a misa o domingo. Con esa cantidade, sobran os cartos para facer cousas. 

Xa está dando resultados?

Tivémolo de proba e en Ourense subiu un pouco, pero non de maneira significativa. As parroquias teñen que ser moi transparentes cos cartos, que sean bolsillos de cristal. Moitas veces non hai esa transparencia por costume, a xente fíase moito de nós e ás veces cando das as contas ata parece mal. Son cartos da parroquia, hai que dar os datos. A vida da Igrexa non está subvencionada, é importante que cambiemos o chip. Que a xente empece a pensar que a Igrexa non a sostén o Estado e aos curas non nos paga o Goberno, senón os fieis. 

Prevé un cambio de prioridades nos gastos da Igrexa ourensá?

Os cambios de necesidades van ser de nivel social. As Cáritas parroquiais no rural son as que están aí mantendo no día a día, aumentaron o mesmo as necesidades ou máis. Os curas de Verín tiveron que mandar cartas áxente de como está a cousa, sempre teñen dispoñibilidade e acabáronse os alimentos da campaña de navidade. Chegou a axuda da xente pero había colas nas parroquias de Verín. 

E ao rural, como afecta?

Hai que facer un esforzo grande de acercarse á xente, colleu moito medo e hai que facer un traballo de caridade distinta. A pobreza máis grande é a soidade. 

Te puede interesar