O luns distribuirase xunto co xornal, e gratis, un libro biográfico

La Región difunde a vida e a obra de Novoneyra

Na xornada de mañá, e co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, La Región distribúe totalmente gratis entre os seus lectores un libro biográfico sobre Uxío Novoneyra, o poeta do Courel a quen Galicia consagra o 17 de maio do 2010. Como xa é tradicional nesta data, o xornal pon a disposición dos seus lectores unha publicación manexable que compendia o máis relevante da vida e a bibliografía do personaxe ao que se consagra o Día das Letras Galegas. Os suscriptores recibirana no seu domicilio.
O libro, baixo a autoría de Manuel Amado, recolle a entorna familiar na que nace un 19 de xaneiro de 1930, na aldea de Parda, na luguesa serra do Courel, un neno que bautizan como Eugenio Novo Neira e que pasará á Historia da Literatura como Uxío Novoneyra. Pronto o futuro poeta comeza a vivir dun modo espiritual a serra. Esa natureza vizosa onde o home pode chegar a disolverse, deixa unha fonda pegada nun rapaz que establece unha comunión íntima co territorio no que medra.No 1945, marcha para Lugo a cursar o bacherelato, e nese tempo entrará en contacto con Manuel María e María Mariño, que atoparán na literatura un selo común. Son os anos das primeiras lecturas.

Uxío resolve cursar a carreira de Filosofía e Letras, e trasládase a Madrid, onde agardan por el espazos de liberdade que lle van dar unha nova mirada sobre o mundo. Alumean os primeiros versos. O servicio militar lévao de novo a Galicia, e en Santiago entra en contacto con Ramón Otero Pedraio e Ramón Piñeiro, que alimenta a súa voz poética. En 1952, a enfermidade reclúeo de novo no Courel durante un período de dez anos. Esa década de enfermidade é decisiva na súa carreira literaria: compón a súa primeira obra, Os eidos. No 1962 regresa a Madrid, onde militará no grupo Brais Pinto. A obra de Novoneyra lábrase lentamente, mentres os problemas de saúde lastran a súa producción, que nuna foi prolífica. Morre o 30 de outubro de 1999 en Santiago.

Te puede interesar