As facilidades no abono das taxas pretenden reducir o impacto que o coste supón ás familias

A Universidade amplía a seis prazos o pago das matrículas

Imaxe da reunión de onte. Á esquerda, a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras.
Ata seis prazos para pagar a matrícula universitaria.
O alumnado da Universidade de Vigo poderá aboar en varias fases o importe da matrícula dos seus estudos de grao e mestrado. Así o acordou onte por unanimidade o Consello de Goberno en sesión ordinaria; unha medida que, segundo o vicerreitor de Economía de Planificación, Xosé Manuel García, ten a finalidade de 'flexibilizar os pagos e reducir o impacto que para as familias supón abonar as matrículas nun contexto de crise como o actual'. Así, dos catro prazos vixentes ata o momento pásase a seis, de xeito que no mes que se ten que realizar a matrícula haberá que abonar o 25% e entre novembro e marzo un 15% cada mes.

Xunto a esta medida, a sesión ordinaria do Consello de Goberno deu luz verde ó Regulamento de creación de empresas de base tecnolóxica e á Normativa de propiedade intelectual e industrial da Universidade, adaptándoas á nova Lei de Ciencia, así como á normativa de grupos, agrupacións e centros singulares de investigación que define as estruturas organizativas nas que se pode desenvolver a investigación na Universidade.

Na mesma nomeouse a Federico Mallo como delegado da Universidade na Escola Universitaria de Enfermaría do Meixoeiro, e o reitor, Salustiano Mato, confirmou que este ano se celebrará un único acto de inicio do curso 2012-2013 que será para o conxunto das tres universidades galegas e que terá lugar en A Coruña o 7 de setembro. Así , e tendo en conta o escenario de crise económica actual este ano non haberá apertura propia do curso na Universidade de Vigo, un acto que se celebraba de xeito rotatorio entre os tres campus.

En relación coas instruccións sobre o documento da Consellería de Educación sobre ensinanzas universitarias oficiais, os membros do órgano de goberno, atendendo ao espírito da Consellería de conxelar ata o curso 2015-2016 a oferta de títulos de grao, acordaron como norma xeral non implantar novas titulacións de grao no curso 2013-2014; de tódolos xeitos, no caso das posibles excepcións, as propostas que xurdan dunha fusión ou reorganización da actual oferta de títulos ou que contribúan ao equilibrio territorial, deberán serán aprobadas nunha xunta de centro e deben remitirse á Vicerreitoría de Organización académica antes 12 xullo de 2012.

Te puede interesar