Xunqueira de Espadañedo terá melloras no abastecemento

Un milleiro de habitantes do concello de Xunqueira de Espadañedo verase beneficiado das obras de mellora do abastecemento que en breve prevé acometer a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
A execución das obras afectará aos núcleos da Graña e A Caseta, e serán levadas a cabo pola empresa Obras y Viales Bascuas S.L. O investimento será de 320.000 euros. Este proxecto insírese no programa de construción de infraestruturas en concellos con baixo presuposto.

Levaranse a cabo dúas novas captacións a cota de 1.070 e 995 metros na zona de Campo de Albaredo, que se conectarán entre si e ao novo depósito mediante 1.122 metros de tuberías. En relación ao depósito regulador, este contará cunha cámara de chaves e un sistema de cloración por enerxía solar alimentado con panel fotovoltaico. Medio Ambiente estima un prazo de execución de seis meses.

Te puede interesar