¡Buone visioni!

O Amarcord de Sorrentino

Paolo Sorrentino, un dos cineastas contemporáneos máis fellinianos, decidiu facer un amarcord sobre a súa xuventude

Amarcord é o título dunha película de 1973 de Federico Fellini. É a contracción da expresión dialectal emiliano-romañola “a m’acord” (eu acórdome). Amarcord- palabra inventada por Fellini– xa forma parte da nosa lingua. Indentifica un recordo nostálxico, cun toque amargo.

Paolo Sorrentino, un dos cineastas contemporáneos máis fellinianos, decidiu facer un amarcord sobre a súa xuventude. En Fue la mano de Dios-hai unha semana en cines e agora en Netflix– pon ata a voz do cineasta de Rimini, pero esta vez faino desde o seu filme máis realista, menos barroco, menos felliniano.

Fue la mano de Dios é unha bildungsroman que se move arredor da experiencia real dunha traxedia, que aconteceu hai 35 anos ós pais de Sorrentino. O director emprega o cine como instrumento de terapia e cóntanos a descuberta da vocación, o nacemento dun cinesta. Alguén que quere, a través do cine, contar outra vida ou unha vida imaxinaria. Porque a que vive a diario xa non lle gusta. Tal e como son as palabras de Fellini que aparecen neste filme: “o cine non serve para nada pero, polo menos, distrae da realidade”.

Mais a experiencia do cineasta non pasa só pola dor. Sorrentino reenverdece o ton de comedia que caracterizaba os seus primeiros filmes como El hombre de más (2001) ou El amigo de la familia (2006).

Hai situacións de humor moi logradas e uns diálogos sempre brillantes que confirman unha vez máis o talento do napolitano no uso das palabras.

Sorrentino volve á súa vila natal, Nápoles. Non gravaba alí dende a súa primeira película El hombre de más do 2001. Ao igual que na súa ópera prima, o fútbol volve ter un papel importante. A chegada de Maradona ó Nápoles nos anos oitenta proporcionou unha alegría absoluta á cidade. E foi un acto salvífico polo cineasta. Para utlizar as mesmas palabras de Sorrentino: “Maradona non aterrou en Nápoles en avión. Apareceu coma un Deus ofrecendo a redención á xente, como unha figura relixiosa”. O día do accidente dos seus pais, Sorrentino quedou en Nápoles para asistir ao partido do seu heroe e conseguiu así esquivar a súa cita coa morte.

En Fue la mano de Dios, a través da mirada Fabietto (Filippo Scotti), o alter ego do director, coñecemos a personaxes grotescas da gran familia napolitana. Tamén hai unha ollada sobre a camorra– máis poética e vital da realidade crúa e sen esperanza que nos ensinaron en Gomorra. Está a descuberta do erotismo e da sexualidade. Todo filtrado pola mirada tenra e inocente do seu protagonista, capturada xusto no momento no que atravesa a liña de sombra.

Tamén hai espazo para as citacións cinéfilas: Érase una vez en América (1984) de Sergio Leone, un casting de Fellini- outra vez, un diálogo de Zeffirelli e sobre todo as palabras do mentor Antonio Capuano. Pero o máis importante aquí é a vida. Todo o que existe antes e despois de que se apaguen as luces.


(Re) corten


Valentina

O filme Valentina de Chelo Loureiro conta cunha nominación a Mellor Película de Animación aos Premios Goya 2022. Valentina é unha película protagonizada por unha nena con síndrome de down. Hai dúas semanas o filme tivo un preestreo no Teatro Principal de Ourense e xa pode verse no cinema comercial. En Galicia, en versión orixinal en galego.

Te puede interesar