Máis do 98% dos galegos benefícianse xa da receita electrónica

Máis do 98 por cento dos cidadáns galegos teñen acceso na actualidade á historia clínica informatizada e á receita electrónica, procedementos que xa están implantados en 443 centros sanitarios da Comunidade, o 92 por cento do total.
Así o explicou hoxe nunha conferencia de prensa a directora de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde, María Nieves Domínguez, quen confiou en que nos próximos meses a totalidade da poboación poida beneficiarse destes avances.

Domínguez indicou que a porcentaxe de dispensación electrónica nos centros de saúde supera o 70 por cento, con 210.000 diarias, e precisou que desde que comezou a súa implantación, en abril de 2009, se dispensaron en Galicia un total de 40 millóns de receitas electrónicas.

Así, a directora lembrou que ao comezo da actual lexislatura só estaban incluídos no proxecto de receita electrónica 26 centros de saúde e o 7 por cento das farmacias, mentres que na actualidade existen xa 1.358 boticas -o 99,5% do total- conectadas ao sistema.

Polo que se refire ao uso da receita electrónica no ámbito da atención especializada, Domínguez sinalou que 13 dos 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde dispoñen xa desta tecnoloxía, e lembrou que o vindeiro 25 de xaneiro tamén se implantará no Hospital da Costa, en Burela, o único que aínda non conta con ela.

A responsable de asistencia sanitaria sinalou que a implantación da receita electrónica permite aos pacientes con tratamentos crónicos recoller os seus medicamentos directamente nas farmacias sen ter que pasar previamente polo seu centro de saúde a recoller novas receitas.

A este respecto, Domínguez sinalou que o uso desta ferramenta tecnolóxica permitiu reducir nun 30 por cento as consultas administrativas ou non médicas, o que supón que desde a súa entrada en vigor se concertaron 1,5 millóns de citas menos.

Esta redución no volume de consultas permite 'mellorar a calidade asistencial dos pacientes xa que os facultativos teñen máis tempo para dedicarse a outras tarefas' como o diagnóstico ou o tratamento dos pacientes, sinalou Domínguez.

A receita electrónica non só ten vantaxes para os usuarios, xa que tamén mellora a comunicación entre o persoai médico e os farmacéuticos, 'o que permite que a prescrición e a dispensación se fagan de xeito máis seguro', indicou.

Finalmente, a responsable do Sergas avanzou que desde a última semana do ano 2010 a cidadanía galega ten acceso ao seu historial farmacoterapéutico e ao seu plan de dispensación a través do portal da internet do Sergas.

Este historial inclúe datos sobre a medicación que o paciente ten activa ou os últimos medicamentos que solicitou na farmacia, así como información sobre o custo dos seus tratamentos farmacolóxicos

Te puede interesar
Más en Sociedad