¡Buone visioni!

A miña parella é neonazi

Este ano, a serie máis vista en Filmin é unha produción noruega. Chámase Todo lo que amas. Conta con 7 capítulos - de media hora cada un - dirixidos por Stian Kristiansen. A narración móvese arredor de dous personaxes, Sara (Mila Dale) e Jonas (Jakob Fort), uns antigos compañeiros do colexio que un día volven a atoparse no metro e deciden seguir quedando. Pouco a pouco, paralelamente, imos descubrindo a vida secreta dos dous. Ela, unha rapaza que se atopa nun momento fráxil: sen piso e sen amigas, finalmente atopa un apartamento compartido cunhas mozas estranxeiras. El é un mozo solitario que vive cos seus pais, traballa de garda de seguridade e transcorre a maioría do seu tempo libre no soto da casa navegando nun foro online de ultradereita. A medida que a relación entre os dous avanza coas mellores intencións, Sara descobre o lado escuro do mozo mentres el empeza a quedar con algúns dos compañeiros do foro.

Todo lo que amas está inspirada no caso real de Philip Manshaus, un mozo noruego condenado a 21 anos de prisión prorrogables por matar á súa media irmá de orixe asiática nunha mesquita preto de Oslo. O perfil de Jonas coincide co de Manshaus, e en xeral cun tipo de extremismo bastante habitual nos países nórdicos. Cada vez hai mais mozos occidentais adeptos á ideoloxía de ultradereita e ó supremacismo branco, co que se radicalizan a través dos foros de internet.

A raíz de sucesos tráxicos como o de Manshaus ou de Anders Breivik, a cinematografía noruega púxose moi sensible nos últimos anos con ese fenómeno. Reflectiuse xa en series como Furia (2021) ou 22 de Julio, ou en películas como Utoya. 22 de julio de Erik Poppe sobre a masacre na illa noruega, por man de Breivik, incluso en documentais como Exit (2018) de Karen Winther - este último trata sobre o proceso de saída destes grupos extremistas gravado en distintos países do mundo.

En Todo lo que amas, o personaxe de Jonas é un representante da ultradereita noruega, moi lonxe das cabezas rapadas e dos corpos musculados cheos de tatuaxes que vimos en obras como Romper Stomper (1992) de Geoffrey Wright, This is England (2006) de Shane Meadows ou American History X (1998) de Tom Kaye. Jonas non se parece en nada ao estereotipo clásico do neonazi do cinema dos últimos 30 anos. E a serie, a primeira vista, é un romance clásico e bastante previsible, ao igual que Jonas aparenta ser un bo rapaz. Pero ao igual cas outras producións audiovisuais noruegas, Todo lo que amas intenta romper estereotipos e afondar máis no fenómeno da nova ultradereita. Neste caso en concreto, cun formato de serie que intenta conectar coas novas xeracións.

Todo lo que amas, capítulo tras outro, vai abrindo unha reflexión, tanto sobre o individual como sobre a sociedade en xeral. O éxito que está a ter tamén noutros países de Europa está a demostrar que, desde o local, o que se relata, ten un evidente carácter universal.

Te puede interesar
Más en Sociedad