Crónicas de agora e sempre

O Orgullo en Ourense no ano 1061

photo_camera Actual igrexa de Ordes e unha das casas situadas ó seu carón, onde se sitúa a vida de Pedro e Muño. (Antonio Piñeiro)
Os protagonistas foron Pedro Díaz e Muño Vandílaz, dous veciños da aldea de Santa María de Ordes (Rairiz de Veiga), e o documento no que quedou rexistrado o acordo de convivencia, dá fe do "enlace" entre homes máis antigo da Península Ibérica

Hoxe a práctica totalidade dos concellos galegos e un gran número de colectivos sociais celebrarán, coma no resto do mundo libre, o agora denominado “Día do Orgullo LGTBIQ+”. Mentres, o Concello de Ourense pasará o día mirando para outro lado. O que probablemente non saiban na zona, outrora noble, da casa grande da Praza Maior da capital, é que hai case mil anos a nosa provincia foi pionera, cando menos no tocante ó seu rexistro histórico, da celebración dunha unión de convivencia entre dous homes.

Corría o mes de abril do ano 1061, concretamente o día 16, cando Pedro Díaz e Muño Vandílaz (dous veciños da aldea de Ordes, situada nos confíns occidentais da planicie terrea da Limia, dentro do actual municipio de Rairiz de Veiga, a carón da vía principal que naquel momento unía as terras do outro lado das agrestes serras do Xurés e Leboreiro coa lagoa de Antela, a vella "Vía Nova", e protexidos pola vixiante atalaia da fortaleza de Celme) decidiron que a relación -quen sabe se afectiva ou de mera conveniencia- que viñan mantendo entre eles con máis que probable cotidianidade e semellante aceptación por parte da veciñanza debería quedar rexistrada nalgún documento oficial para garantir a súa seguridade fronte ó que lles puidera agoirar o futuro.

ABRIL E O ALEGORISMO

Escribe o medievalista galego afincado en Cataluña, Manuel Castiñeiras, no seu pequeno pero interesantísimo libro "Os traballos e os días na Galicia medieval", que "nos contrastes medievais entre o Inverno e a Primavera, esta última botáballe sempre en cara ó primeiro o seu peche na casa, enumerándolle as delicias dos prados floridos. Abril é, pois, tempo de ocio, de festas e de paseos, que se caracteriza tanto pola súa mocidade como pola súa marcada tendencia ó alegorismo. Así aparece no calendario de Betanzos, formando parte dun desfile de meses, e baixo o aspecto dun mozo de longos cabelos que visto de perfil e vestido con túnica e manto, sostén un enorme ramo de follas".

É moi posible, entón, que tanto Pedro como Muño (é de supoñer que dous campesiños ou labregos que colleitaban en arrendo cotizado á Igrexa os productos da terra nos fértiles arredores da lagoa de Antela) fosen ben conscientes do mesmo que andando o tempo interpretou o medievalista e por iso elixiron as "kalendas" centrais do florido e alegórico mes de abril para celebraren a súa unión civil con todo luxo de detalles.

Unha unión na que, dende o principio do documento, deixan clara a intención de igualdade que os move á convivencia, tal e como se substrae da transcrición que recollemos dun traballo do xornalista galego Henrique Mariño, que abordou o caso hai ano e medio.

"Pedro Díaz e Muño Vandílaz -recolle o pergameo- pactamos entre nós e para coñecemento dos demais (...) no relativo á casa e á igrexa de Santa María de Ordes, que posuímos ámbolos dous e na cal somos iguais en traballo, en acoller visitas, en coidala, decorala, gobernala, así como plantar, edificar e traballar na horta (...)".

E una unión, á postre, na que ademais dese compromiso de coidado recíproco ó que se obrigan documentalmente, incluso fan propósito de adiantada herdanza para cando algún dos dous falte, cousa que explicitan así:

"... E se Pedro morrese denantes que Muño, deixaralle a Muño a propiedade e os documentos. E se Muño morrese denantes ca Pedro, deixaralle a casa e o escritos".

A pregunta que semella oportuna, logo entón, para un descoñecedor da evolución histórica da relación entre persoas do mesmo sexo, é se o pacto escrito entre Pedro e Muño en tempos tan remotos foi realmente un matrimonio entre dous homes ou un mero pacto convivencial de conveniencia.

A resposta deulla o investigador Callón ó xornalista Mariño ó declarar que "chamarlle matrimonio nese momento non sería apropiado se temos en conta que a Igrexa non amosou interese en regular o matrimonio ata o século X, e que o sacramento como tal non foi contemplado ata o IV Concilio de Letrán, convocado polo Papa Inocencio III, no ano 1215.

Sexa como fose, o caso é que Ourense, unha vez máis, atópase atrapada na encrucillada de ter sido avangarda no pasado e triste retagarda no presente de hoxe en día.


Un documento que se conserva no AHN


Reproducción do documento orixinal do acordo civll de Pedro e Muño.

Aínda que o documento foi estudado por diversos investigadores en distintos momentos da historia, a súa divulgación en Galicia correu da man de Carlos Callón, hai agora dez anos, cando o seu traballo "Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media" foi premiado pola Fundación Vicente Risco e posteriormente publicado pola editorial, tamén ourensá, "Sotelo Blanco".

Loxicamente, o traballo de Callón non se centra soamente no legaxo dos dous veciños de Ordes, senon que aborda a relación entre persoas do mesmo sexo a través doutros documentos medievais como son as cantigas de escarnio e maldizer ou as cantigas de amigo.

Pero como o que a nós nos interesa é o singular documento asinado por Pedro e Muño nesa agachada parroquia de Santa María de Ordes, diremos que o mesmo atópase encuadernado co número 238 no Tombo do mosteiro de Celanova, custodiado no Arquivo Histórico Nacional e transcrito na súa totalidade polo medievalista coruñés, José Miguel Andrade, no ano 1995.

Como queda dito, foron varios os investigadores que abordaron o seu singular contido ó longo da historia. O primeiro que afondou nel dende a perspectiva de xénero, segundo indica Henrique Mariño, foi o medievalista americano John Boswell, que se centrou en analizar a tolerancia do cristianismo nas súas orixes coas relacións entre dous homes a través das denominadas "cerimonias de irmandamento", se ben, con anterioridade xa o xurista Eduardo Hinojosa tiña botado man do mesmo, ó centrar as súas investigacións sobre o dereito xermánico dos "protocolos de fraternidade artificial" comúns no dereito de Galicia, León e Portugal.

Qué fai un documento de carácter privado entre partes -podería ser a reflexión final- no medio de centos de pergameos que centran os seus contidos en compras e vendas, foros e rendas, doazóns e herdanzas para máis honra dun poderoso mosteiro? Velaí a pregunta.

A resposta? Tal vez nola poida dar algún reputado medievalista ó que lle poida caer nas mans esta singular historia que hoxe debería ser de lectura obrigada na alcaldía de Ourense

Te puede interesar
Más en Sociedad