Tres concellos de Ourense, unidos para mellorar o emprego rural

Ángela García Civeira, a orientadora laboral da agrupación. (R. M.)
photo_camera Ángela García Civeira, a orientadora laboral da agrupación. (R. M.)
A agrupación dos concellos de Manzaneda, San Xoán de Río e Chandrexa de Queixa ofrece un servizo integral de información, apoio e asesoramento na búsqueda de emprego. 

Desde principios de ano, a agrupación formada polos concellos de Manzaneda, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río contan cun servizo de orientación laboral coa finalidade de dar resposta a aquelas persoas que desexen mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.

Ángela García Civeira é a orientadora que está ao cargo. “Este servizo é de ámbito supramunicipal, algo buscado para que toda a xente da zona teña a opción desa orientación”, explica a orientadora que ve neste servizo uha ferramenta moi importante de axuda para os usuarios. “Para min é un traballo moi motivacional, xa que moitos dos que recibo non coñecen  o servizo do portal de emprego da Xunta, ou mesmo precisan axuda para elaborar un curriculum que sexa a súa carta de presentación”.

Este servizo de orientación laboral ofértase grazas a unha subvención da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que cubre o cen por cen dos custes salariais do persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral, sendo un servizo gratuito que “poden solicitar todas as personas dos concellos da agrupación inscritas como demandantes de emprego, aínda que tamen o poden pedir persoas pertencentes a calquera outro municipio, sempre con cita previa” sinala a orientadora.

García atende a unha media de catro usuarios diarios, entre os axendados pola Xunta e os que de xeito particular demandan o seu servizo, ensinándolle ademáis os recursos locais, xa que “a maioría dos desempregados que atendo noto que son xente que quere vivir aquí, cada un trae unha problemática específica e intento ensinarlle por onde poden tirar coa súa casuística personal, mellorando a empregabilidade”.

O perfil do usuario é moi variado, e Ángela García ensínalle técnicas de emprego activo que lle axude na búsqueda. “A maioría é xente máis maior que só coñece o boca a boca para buscar emprego e hoxe iso non chega. Explícolles como obter o certificado de profesionalidade e a súa importancia”, explica.

A atención presencial lévase a cabo no concello de Manzaneda, de 08,30 horas a 14,00 horas, de luns a venres.

Te puede interesar