Música e baile para festexar as Letras no Macizo Central

Panorámica del Macizo Central desde la estación de Manzaneda.
photo_camera Panorámica del Macizo Central desde la estación de Manzaneda.

O macizo central ourensán ten a música galega e o teatro como protagonistas na celebración destas Letras Galegas.

A vila de Manzaneda vístese de traxe de gala na tarde deste sábado 13 de maio e os grupos tradicionais da asociación local A Pinguela abrirán este festexo coa súa actuación no patio do colexio. Esta asociación está formada maioritariamente por veciños do concello que forman varios grupos tanto de música tradicional como de baile de distintos niveis. A cita é ás 18,00 horas. 

Tras eles, ás 18,30 horas, actuará a recoñecida agrupación folclórica Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, fundada en 1921 e que ten no seu conxunto toda unha escola con canto coral, canto tradicional, baile, música e mesmo teatro.

Tamén a localidade trivesa ten marcado o sábado como inicio das súas actividades festivas e farao ás 20,00 horas na Rúa San Martiño co espectáculo da afamada banda de folk “Luar na Lubre”, que chega ata A Pobra de Trives coa especial conexión de ter o seu décimo oitavo traballo discográfico publicado co nome Ribeira Sacra, suliñando así a recente incorporación do concello trivés a este xeodestino. 

O domingo abrirán arredor das 13,15 horas unha actuación musical na Praza Doutor Paz amenizará a sesión vermút, e xa pola tarde, o ourensán grupo Sarabela Teatro escenificará a obra “Arraianos” a partir das 19,00 horas no Auditorio Julio Vázquez.

O propio Día das Letras, mércores 17 de maio, “Os do fondo da barra”, grupos de pandereteiros e cantareiros da asociación coruñesa Xacarandaina,  percorrerán coa súa música ás rúas da vila desde ás 12,30 horas. Pola tarde será o Orfeón Trives quen actúe no auditorio da vila, a partir das 19,00 horas. 

Non remata aí a conmemoración e o 19 de maio, ás 11,30 horas, proxectarase no auditorio a película “Valentina”.

Finalizará este extenso programa para celebrar o Día das Letras Galegas co espectáculo de narración oral “Bailar nas nubes”. Este terá lugar o vindeiro 23 de maio ás 18,30 horas no mesmo lugar.

Te puede interesar