Os veciños de Queixa coñecen os topónimos do seu concello

O antigo colexio de Celeiros acolle hoxe ás 19,30 horas unha charla sobre topónimos da súa contorna a través da campaña “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”, coordinada pola Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, ofrecerá unha visión na que explicará o funcionamento de ‘Galicia Nomeada’, a aplicación colaborativa que lle permite á cidadanía participar na recolla de microtopónimos, os nomes de montes, fontes ou camiños que corren o risco de perderse. Na sesión que se celebrará esta tarde, quen asista coñecerá a orixe e o significado de nomes de parroquias e lugares de Chandrexa.

Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, destaca o valor cultural e simbólico da toponimia. “Forma parte da nosa memoria histórica. Cada nome de lugar ten detrás a historia do país, o tempo dos avós que se transmite aos netos. Esta campaña está pensada para informar e sensibilizar a sociedade sobre o noso patrimonio, e para facela partícipe dun valor que nos enriquece e que nos dá un sitio no mundo. Para a RAG é moi importante implicar a xente na afirmación e reivindicación do noso patrimonio”, di Freixanes.

Te puede interesar