UNIVERSITAS

Ciencias Sociais e da Comunicación xa ten o seu escaparate radiofónico

a1-2-_result
photo_camera Alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación realiza un programa radiofónico semanal na facultade.

Alumnado da facultade realiza un programa semanal que se difunde a través de internet

Un programa de radio que se grava en Ciencias Sociais e da Comunicación, que realizan alumnos e alumnas da facultade e que centra gran parte dos seus contidos na actualidade do centro. Iso é O Escaparate, o programa de radio “feito por e para os alumnos”, que desde finais de xaneiro leva a cabo un grupo de 14 estudantes dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e de Comunicación Audiovisual.

O día a día do centro, xunto “con todo aquilo que teña que ver co mundo da comunicación, nun sentido amplo, e aquilo que poida ser de interese para o alumnado”, centran os contidos deste magacine semanal, segundo relata a súa presentadora, a estudante Carol Buceta.
Foi a experiencia desta alumna de Publicidade e Relacións Públicas como colaboradora dun magacine nunha emisora da localidade a que espertou o “gusto pola radio” que a levou a propor a posibilidade de poñer en marcha un proxecto radiofónico na propia facultade.

“Como aquí non temos unha radio universitaria, comentei a idea no Decanato e a resposta foi moi boa”, relata esta estudante que, semanas despois, iniciaba xunto con varios compañeiros e compañeiras o proceso de busca de novos estudantes que quixesen sumarse a esta iniciativa. Foi a mediados de novembro cando levaron a cabo unha primeira presentación do proxecto no centro, coa idea de atopar entre o alumnado interesado os locutores e técnicos necesarios para levar adiante a idea. Daquela xuntanza xurdiu o grupo de 14 persoas que, semanas despois e baixo a coordinación da profesora Aurora García, comezaba a traballar no piloto de O Escaparate.

“Trátase dunha iniciativa moi boa, na que os alumnos están a poñer moito entusiasmo e que arrincou moi ben, coas lóxicas dificultades dun comezo”, relata esta docente, responsable de coordinar un programa que tamén conta coa colaboración das investigadoras Beatriz Feijóo e Alba Rego, que cada semana “serven de apoio aos estudantes no estudio e supervisan a gravación do programa”, relata García, que tamén adianta que esta iniciativa permitirá coñecer as dotes radiofónicas dalgúns alumnos e alumnas, “que, de seguro, serán uns moi bos profesionais o día de mañá”.n

Te puede interesar
Más en Universitas