Ignacio Vilar presentou o seu traballo nos centros educativos da comarca

'Pradolongo é un filme local e universal'

Ignacio Vilar, acompañado por catro intérpretes, presentou o filme “Pradolongo” aos estudantes valdeorreses. O filme narra unha historia de amor e de louxa.
O director de cine petinés Ignacio Vilar recorreu onte os centros educativos da comarca para presentar “Pradolongo”, seu terceiro traballo. Estivo acompañado por catro xóvenes actores, dous deles cunha traxectoría detrás -Rubén Riós e Tamara Canosa-, procedendo os outros dous dos “castings” realizados no Instituto Lauro Olmo de O Barco -Roberto Porto- e no colexio Pablo VI de A Rúa: Cristina Rodríguez.

¿Como xurdiu a idea de rodar “Pradolongo”?

Esta é a miña terceira longometraxe e quería contar unha historia en Valdeorras. Son de Petín e sempre te atrae o que coñeces e o que vives. Quería facer unha historia actual e que o pasado tivese presente. O presente é a xente nova e o pasado son os seus pais e abós. De aí xurde a aldea e a vida. A historia está feita sobre dous rapaces de 18 anos que son amigos da infancia. Para facer a historia me interesaba saber que pensa a xente desta idade. Estaba seguro que ía entrar un tema importante na zona: a louxa. Pero tamén a natureza. É unha película de amor, amizade e relación coa natureza; é unha historia local e universal.

¿O filme reflicte a paisaxe da zona?

Aparecen paisaxes tan impresionantes coma descoñecidas en Galiza. É o caso de Pena Trevinca, que coñecín a fondo, pois as localizacións levaron seis meses. Atopei sitios que non coñecía.

¿É unha película con mensaxe?

Si. Ten unha mensaxe moi actual, fala de que ou tomamos conciencia de relacionarnos coa natureza doutra forma ou o futuro é duro.

¿Que tempo levou a rodaxe?

A preparación levou dous meses. Empezamos a rodar o 16 de agosto e estivemos ata o 28 de setembro. Sete semanas de rodaxe que para unha película como ésta, de baixo presuposto, é moito. As rodaxes foron duras; doce horas de traballo de luns a venres e en condicións escepcionais, pois rodar a 1.800 metros de altitude é duro. Houbo que subir a 50 persoas á Lagoa de Ocelo en todoterreo. Alí pasábamos da calor tropical ao frío polar en pouco tempo.

¿Como o fixeron os dous actores noveles?

Moi ben. Era a primeira película de Cristina e Roberto e cando se vexa a película comprobarase o seu impresionante traballo. Como director, eu tiña un certo temor de meterme nunha película de 100 minutos con xente sin experiencia é complicado, pero o traballo está aí. É un filme que creo que vai gustar, especialmente en Valdeorras, pois é unha historia nosa.

¿Tivo axuda da comarca para rodar a película?

Estamos falando dun presuposto de 1.200.000 euros e senón a rodásemos aquí non poderíamos. Os concellos, os alcaldes, a xente, a figuración. Roberto fai de fillo dun louxeiro e vive nunha casa impresionante, con piscina interior climatizada, que nos deixaron.

¿Os pizarristas respaldaron o proxecto?

Rodamos nunha canteira sin ningún problema. A película critica unha forma de vida, non aos pizarristas en si. Eles fan o seu negocio. Agora, hai canteiras que crean riqueza, pero que tamén restauran.

¿En que situación se atopa o cine galego?

Esta película rodouse no mesmo sitio que rodou Chano Piñeiro hai 20 anos. A cociña que sae no filmE é a mesma que usou el. Cando rodou o 100% do equipo era de fóra e agora o equipo foi galego case ao 100%. Técnicamente, estamos ao mesmo nivel de calquera cinematografía. O gran problema é a distribución e a exhibición. É unha cuestión política e os americanos controlan tódalas salas. En Ourense, só hai unha, que é dunha multinacional americana, e en Pontevedra igual.


ESTREA

A película “Pradolongo” será estreada simultáneamente nas vilas valdeorresas de O Barco e A Rúa.

Os primeiros pases serán o 15 de marzo e as proxeccións se prolongarán durante toda a Semana Santa.

As sesións cinematográficas desenrolaranse no rues Centro Cultural Avenida e no Teatro Lauro Olmo barquense.

Te puede interesar