CULTURA

A Arca da Noe acolle a obra de Baldomero Moreiras

baldomero_moreiras_result
photo_camera Baldomero Moreiras amosa unha das obras expostas a Xosé Carlos Sierra.

Pablo Balseiro e Mini e Mero abrirán as festas en Vilar de Santos 

A Arca da Noe é un espazo singular -taberna e fiadeiro, sala de contacontos, de concertos e de exposicións- no pobo de Vilar de Santos, nas portas da Limia, que en apenas dous anos de vida tense consolidado como punto de encontro dun xeito de entender a cultura, o folclore, moi pegado á terra. Alí, na primeira planta da casa, inaugurouse onte unha exposición de Baldomero Moreiras (Celanova, 1955) que permanecerá aberta ao publico até a terceira semana de agosto.

A exposición consiste nunha pequena escolma da producción recente de Moreiras, que recupera o elemento central dun tríptico sobre a emigración, obras de lavandeiras, ou un cadro dun cabalo, entre outras. "Trátase dunha exposición ben adaptada ao espazo e que encaixa no lugar, tamén pola temática de asuntos que teñen que ver co rural e reflicten o compromiso do autor fronte as inxustizas", sinala José Carlos Sierra, que onte presentou a exposición xunto ao autor. Di Sierra que a mostra subliña a memoria persoal do autor e a súa ansia de liberdade.

Unha mostra da temática e das técnicas, sempre co protagonismo da cor, de Baldomero Moreiras nun espazo singular e proclive a novas formas de recuperar e remexer a cultura. 

Na Arca da Noe hai máis. Hoxe mesmo, ao pé da Arca, na rúa do Forno, un concerto de Pablo Balseiro (ás 22,00 horas), que forma parte da programación das festas de Vilar de Santos. O venres actúan aquí os cataláns Criatures (23,00). Ese día, no Museo da Limia haberá un pase do documental Cesteando de Plácido Romero (19,00) e unha actuación de Mini e Mero (21,00).  E o domingo día 7, ás sete da tarde, un espectáculo para nenos coa Banda das Apertas e Magín Blanco. A programación da Arca da Noe continuará durante todo o mes. Os concertos de Factoría de Subsistencia (o día 12) e de Balkan Paradise Orquestra (o 13) serán os seguintes. 

Te puede interesar