A traxectoria do festival ten deixado historias interesantes que os organizadores manteñen con ilusión na súa memoria

Curiosidades para o recordo

Tantos anos organizando un festival dan para recordar unha morea de anécdotas e historias curiosas. O máis habitual que pode ocorrer fóra do común é que rompan os taboleiros do palco. En ocasións quebran sen máis; pero outras o susto pode chegar a ser importante. E se non, que nolo pregunten ós celanovenses, que hai ben anos vimos desaparecer do escenario a un membro do conxunto serbio Simyonov. O problema xurdiu por causa da forza impulsiva do chimpo que acababa de dar e que o levou a furar as táboas e quedar entalado entre os ferros. Gracias que a ambulancia non tardou en aparecer.
Con todo, as historias que os membros da directiva e os guías recordan son algo menos tráxicas. Unha delas sitúa un carriño con bebé incluído dentro do maleteiro dun autobús. O curioso é que ata que chegaron ó destino marcado non se deron conta de que a coitada rapaza, que se chamaba Barua e viña dende Illa de Pascua, fixo o traxecto alí debaixo. Así se producen a maioría de curiosidades, por despiste.

E se de esquecer cousas vai o asunto, non queda outra máis que adaptarse ás circunstancias.Houbo algunha ocasión na que estes mesmos que agora o recordan como anécdota tiveron que apresurarse a recompilar por Ourense adiante os instrumentos que un grupo do Leste esqueceu no seu país. Hai ocasións nas que os 'macutos' aparecen, pero as condicións nas que chegan non son as agardadas. Un ruso dos que saltan tanto como un artista de circo chegou cun pantalón tan gastado que cada vez que saía do escenario viña roto nun sitio diferente. O equipo directivo tiña que remendarllo día si e día tamén. 'Ó final marchou cun pantalón novo', de tanto que llo coseron.

Outras veces os despreocupados son os grupos, de tal xeito que aconteceu que un conxunto asiático esqueceu dúas maletas na residencia da Universidade Laboral; equipaxe que reclamou cando anos máis tarde volveu participar nas Xornadas do Folclore. Tiveron que darlle as gracias a un dos organizadores, que as gardou no baixo da súa casa polo que puidera pasar.

Así poderiamos encher páxinas, porque non só son 27 edicións, senón que en cada unha delas organización e participantes conviven durante uns 10 días. Días nos que se viven cousas que, ó final, se recordan cun sorriso especial.

Te puede interesar