HOMENAXE - MIT RIBADAVIA

Emotiva homenaxe a Ernesto Chao e Abrente como último acto da MIT

Os asistentes á homenaxe a Chao se dirixen a súa casa natal polas rúas empedradas do casco histórico ribadaviense (IVÁN DACAL).
photo_camera Os asistentes á homenaxe a Chao se dirixen a súa casa natal polas rúas empedradas do casco histórico ribadaviense (IVÁN DACAL).
A organización descubriu unha placa na casa natal do finado actor e conmemorou o 50º aniversario da asociación cultural

Tódolos colectivos de Ribadavia estiveron representados este sábado no salón de plenos da Casa do Concello para asistir á clausura oficial da 35ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT), que se veu celebrando dende o pasado 19 de xullo. Un acto que tiña un doble obxectivo, render homenaxe ó actor Ernesto Chao, finado o pasado ano, e tamén conmemorar o medio século da creación da asociación cultural Abrente, pioneira na promoción do teatro galego. 

Ademais do propio director do festival, Roberto Pascual, estaban presentes compañeiros de Ernesto como Eduardo Alonso, Mabel Rivera e Antonio Durán, Morris, así como José Luis Chao Rey, un dos fundadores daquel colectivo. Todos eles lembraron a figura do artista ribadaviense, partícipe dos primeiros pasos de Abrente e que recibiu, aínda en vida, o Premio de Honra da MIT. Un Ernesto Chao cunha carreira ininterrumpida dende 1969, e que destacou na fundación de compañías como Artello e a súa colaboración en proxectos como Teatro do Malbarate; director do Centro Dramático Galego e cofundador, xunto a súa dona, a actriz Rosa Álvarez, da súa propia compañía, Lagarta Lagarta SL. 

No seu longo camiño no teatro e no cine, os seus compañeiros de profesión destacaron os galardóns, que recibiu, entre outros, o premio ó mellor actor protagonista por "Condenado a vivir" ou o Premio de Honra Fernando Rey por toda a súa traxectoria profesional. 

Ó remate do acto oficial no Concello, os asistentes dirixíronse á súa casa natal da vila ribadaviense, onde foi descuberta unha placa na súa honra. No mesmo salón,  foille entregado a José Luis Chao Rey un agasallo polo 50 cumpleanos de Abrente. Este fundador do colectivo lembrou o "panorama desolador daquela Ribadavia dos anos 60, cando un grupo de mozas e mozos, tivemos a coraxe e decisión de constituír a asociación, á pesares da oposición dos sectores franquistas da poboación". Foi tres anos despois, en 1972, cando xurde a idea de organizar a 1ª Mostra de Teatro Galego, ó que co tempo sería o xérmolo da actual Mostra Internacional de Teatro, que onte pechaba a súa 35 edición. 

Te puede interesar