Moitos dos grupos folclóricos aproveitan os seus momentos de ocio para intercambiar diversión na piscina ourensá

Oira vólvese universal pola mañá

As altas temperaturas ourensás animan ós grupos folclóricos a refrescarse.  (Foto: JOSÉ PAZ)
Están aquí para danzar, sobre iso non cabe a menor dúbida, pero o día ten 24 horas e cada cousa ten o seu tempo. No caso de que o director do grupo non tivera programado ningún ensaio, os participantes nas Xornadas do Folclore adoitan gozar de liberdade durante as horas matinais. As opcións que se lles presentan para as horas mortas son tres: coller o autobús -facilitado pola organización- que sae cara as piscinas de Oira, optar polo transporte público e achegarse ata o centro ou ben, descansar.
Se a noite anterior resultou algo máis longa do habitual, moitos deciden repoñer enerxías para que unha vez chegada a hora de actuar as forzas resistan. Como o habitual nestes casos é renderse ante a hipnose da cama, os que dormen non se deixan ver en exceso ata a hora da comida. A segunda vía, a de deixarse levar polos camiños da urbe, lévaos coas mans baleiras e trainos con elas cheas. O imperio Inditex gánalles a partida e as súas bolsas entran cos grupos no Centro Residencial Docente, onde paran estes días.

A última das opcións, que combina descanso e diversión, lévaos ás piscinas de Oira, ata un recinto onde durante os días das Xornadas do Folclore o idioma máis empregado non está ben definido. Durante a mañá de onte, chilenos, colombianos, bielorrusos e togoleses 'pelexaron' na auga e fixeron da piscina un territorio multicultural. Aseguran algúns dos membros da organización que este ano está habendo moitos participantes que optan pola piscina.

A xornada do mércores foi especial. Nin piscina, nin durmir, nin pasear. O tempo gastouse cun campionato de brilé no que o equipo colombiano se alzou como completo ganador tras 'derribar' ós países competidores. A próxima actividade de ocio organizado terá lugar o próximo martes. Ese día, cando terá lugar a festa grande das Xornadas do Folclore coa actuación na capital ourensá, grupos e organización compartirán bailes. Xa non serán nin de aquí nin de acolá, serán de tódolos sitios e venderanse como éxitos do pop. Ata entón, as piscinas de Oira, as camas do Centro Residencial Docente e as rúas do centro da cidade seguirán sendo os puntos favoritos para matar as horas entre peza e peza.


PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

O folclore trasládase hoxe ás terras de Celanova e Caldelas, aínda que primeiro terá que pasar por un encontro oficial na Deputación (ás 12,00 horas). Ás 20,30 horas, no patio do castelo de Castro Caldelas, estarán Bielorrusia, Buriatia, Corea, Togo e Bolivia. No claustro celanovés, á mesma hora, actuarán Rusia, Chile, Buriatia e Colombia.

Te puede interesar