Unha exposición de carteis mostra no Auditorio a historia dos festivais do cine galego

Un percorrido audiovisual de 26 anos

Os directores Víctor Coyote e Rubén Coca, xunto á concelleira Inmaculada Ucha, na Casa da Cultura. (Foto: Martiño Pinal)
Os espectadores que acuden ás Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) poden visitar no Auditorio do Carballiño unha exposición dos carteis publicitarios dos festivais do audiovisual deseñados por afamados artistas entre 1973 e 1989.
O Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), unha das institucións que foron creadas no decurso dos 26 anos das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga), organiza ó longo desta semana unha exposición no Auditorio municipal do Carballiño. A mostra ‘O cartelismo das actividades cinematográficas en Galicia’ abrangue unha escolma dos deseños feitos por afamados artistas para os festivais cinematográficos que se desenvolveron entre os anos 1973 e 1989.

José Luis Cabo e Miguel Anxo Fernández foron os artífices deste proxecto, ‘que naceu coa idea de homenaxear ós certames do audiovisual galego que foron pioneiros entre os anos 70 e 80, coma é o caso das primeiras xornadas de cine en Ourense ou a Semán de Cine do Carballiño, no 1976, que daría orixe ás actuais Xociviga’, sinalou o propio Fernández. Pintores como Laxeiro, Virxilio, Xaime Quessada ou Miguel Mosquera, xunto a deseñadores como Pepe Barro, Permuy ou o carballiñés Suso Obenza plasmaron no papel un percorrido pola historia de 26 anos de festivais, un aniversario que tamén celebran as xornadas carballiñesas.

Publicación


‘Esta é unha iniciativa pioneira no Estado español, xa que incluso en Cataluña nunca se levou a cabo, e estamos motivados para facer unha publicación con todo iste material’, comentou Miguel Anxo Fernández, quen adiantou que a exposición destes 35 carteis vaise trasladar dende a vila do Arenteiro a outras localidades de Galicia. Ó acto de inauguración da mostra, que se pode visitar na sala de exposicións do Auditorio carballiñés, asistiron os directores Víctor Coyote e Rubén Coca, que presentaron onte dous dos seus traballos nas Xociviga.

O primeiro, co seu documental ‘Afranio’, baseado na vida do deputado Antón Alonso Ríos, que tivo que escapar da represión falanxista e transformarse nun labrego antes de escapar a Portugal e logo ata Arxentina. A rodaxe desta historia que combina realidade e ficción, que protagoniza o consagrado actor Luis Tosar, fíxose en parte na parroquia de Moreiras, no municipio de Boborás, coa colaboración dos veciños, en especial Xoán Xosé Álvarez, e do historiador Xosé Luis Sobrado.

Víctor Coyote, coñecido por liderar nos anos 80 o grupo musical ‘Los Coyotes’, lembrou que ‘dende o primeiro momento, Luis Tosar implicouse no traballo a pesares de que era un proxecto modesto para a súa talla profesional, xa que se sentiu atraído polo personaxe do señor Afranio’, nome que adoptou Alonso Ríos para despistar ás autoridades do réxime franquista.

Pola súa banda, Rubén Coca, que ofreceu onte ó público a súa curtametraxe ‘Mínimo común múltiplo’, destacou a importancia dun festival ‘como son as Xociviga como primeiro escaparate dos pequenos formatos que facemos aquí en Galicia’. O traballo de Coca tamén será incorporado a outros certames internacionais, coma son os de Caracas, en Venezuela, e Montreal, en Canadá.

HOXE


Auditorio. 11.00 h.: ‘Monstros contra alieníxenas’.
17.00 h.: ‘Harry Potter e o misterio do príncipe’.
20.00 h.: ‘X Nada’ e ‘Coco, da rebeldía a lenda de Chanel’.
23.00 h.: ‘A noite que deixou de chover’.

Casa da Cultura.
20.00 h.: ‘Capitán Abu Raed’, que se proxectará tamén ás 23.00 h.

Te puede interesar