O primeiro ‘Festival de Títeres’ reunirá en Carballiño a cinco compañías teatrais

A Praza Maior do Carballiño acollerá do 17 ó 21 de agosto a primeira edición do ‘Festival de Títeres’, promovido pola Concellería de Cultura e no que participarán cinco compañías profesionais galegas. A responsable desta área municipal, Inmaculada Ucha, lembrou onte que ‘dende o Concello sempre apostamos polo teatro, e exemplo delo son a organización do festival galego en setembro, o Outono Teatral e o apoio ás dúas compañías que posuimos na vila, Nove-Dous a nivel profesional, e Tiruleque no eido amador’.
As sesións de monicreques desenvolveranse dende o luns 17 ata o venres 21 deste mes a partir das 19.30 horas, sendo Títeres Falcatrúa a que levante o telón coa súa montaxe ‘O espíritu do bosque’, pensada para un público entre 6 e 13 anos. O martes 18 será o turno do grupo Cachirulo, que ofrecerá o espectáculo ‘Do, re, mi, Mozart xoga aquí’, recomendado para rapaces maiores de tres anos. Na xornada do mércores 19, espectadores de tódalas idades poderán asistir na Praza Maior da vila carballiñesa á obra ‘Conto’, na que a compañía Ni Fu Ni Fa propón unha mixtura de relatos e cancións.

Para o xoves 20 de agosto está prevista a actuación de Títeres Cascanueces, unha compañía xurdida en Cuba no ano 1995 e que presentará para o público infantil e familiar ‘O ferreiro e o diaño’. O festival rematará o venres 21 coa representación de ‘Carapuchiña vermella ou o cono do lobo’, que correrá a cargo do grupo Danthea Teatro para nenas e nenos de dous a seis anos. Inmaculada Ucha sinalou que ‘o orzamento deste programa é de 7.000 euros e corresponde á partida presupostaria de Cultura para iste ano 2009’.


Te puede interesar