A seguridade da Festa do Pulpo, nas mans de 220 persoas

O salón de plenos da Casa do Concello do Carballiño acolleu onte unha nova xuntanza da Xunta de Seguridade Local, presidida polo alcalde, Argimiro Marnotes, para a coordenación dos efectivos que traballarán no dispositivo de emerxencias na 'Festa do Pulpo', que se celebrará o vindeiro domingo 14 de agosto. Os representantes do Concello carballiñés acordaron que serán 220 os efectivos que vixiarán o Parque municipal e o casco urbán da vila durante a celebración da romaría gastronómica.
Neste ano, cabe destacar a elevada presenza da Garda Civil, que aportará persoal do Servicio de Información, Policía Judicial, Policía de Tráfico, axentes territoriais, Oficiña de Atención ó Cidadán, Grupo de Investigación, Seprona, Grupo de Cabalería e un helicóptero. Pola súa banda, tamén estarán activos durante a xornada festiva tódolos axentes da Policía Local, xunto con 10 números da Policía Autonómica, 15 voluntarios de Cruz Vermella e 45 de Protección Civil e do Grupo de emerxencias (Grumir). A sección sanitaria estará cuberta cun médico, dúas ambulancias e un hospital de campaña, así como polo reforzo do PAC do Centro de Saúde do Carballiño.


SORTEO

En relación coa 'Festa do Pulpo', a organización lembra que hoxe, ás 19.00 horas e no salón de plenos do Concello, efectuarase o sorteo público das 1.200 entradas que dan dereito a participar no xantar oficial no Parque carballiñés. As persoas que se inscribiron previamente para solicitar as tarxetas deberán estar presentes no acto e debidamente acreditadas. O prazo para abonar as tarxetas abrirase mañá, ás 8.30 horas, na Oficiña municipal de Recadación, e pecharase no mesmo departamento ás 14.30 horas.

Te puede interesar