CELEBRACIÓN

As Xociviga ábrense a todo tipo de público

<p></p>
photo_camera O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, na presentación da programación.

Unha nova edición do certame audiovisual celébrase no Carballiño do 25 ó 31 de agosto

O Carballiño volta a converterse en punto de referencia do audiovisual galego a partires do vindeiro luns, 25 de xullo, coa celebración das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga). Será unha completa semana chea de películas, curtametraxes, documentais, concursos e exposicións para todo tipo de público e idades, e, tamén, con premios.

Neste festival poderase asistir a un total de 37 proxeccións de filmes dos máis diversos xéneros, coma é o caso de "Corazón xigante", "Fátima", "Lobo" ou "Unha pastelería en Tokio", que se poderán ver nas sesións do Auditorio municipal ás 11 da noite. Por outra banda, a Casa da Cultura acollerá -en funcións de catro a oito da tarde- a sección Cine Recuperado, con antigos filmes tales como "Carmiña, flor de Galicia", ou "La casa de la Troya", entre outros.

O público infantil tamén terá o seu espazo polas mañás con tres filmes: "Avións de papel", "O neno e a besta" e "O reino dos monos". Ademais, as xornadas contarán nesta edición de 2016 coa montaxe de dúas exposicións de carácter artístico e cultural. Unha, "Aurelio Pego, un xornalista cinematográfico galego en Nova York", no Auditorio, e outra, "Xentes do Carballiño", unha escolma de imaxes de veciños e veciñas catalogadas entre os anos 1890 e 1990, promovida pola asociación O Potiños.

E durante a semana, un grupo de alumnos da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo levará a cabo unha reportaxe cinematográfica sobre os dous puntos fortes da vila do Arenteiro: o polbo e o termalismo.

No decurso do festival, a organización prevé ofrecer os filmes que participan no concurso Curtas Prima, como "El comediante" ou "Luscofusco", que optan a tres premios de 300, 200 e 100 euros, e os integrados na sección Cinema en Curso, que son curtametraxes rodadas por diferentes centros de ensino.

Entre elas, "Sons no Camiño", realizada por estudantes do IES Chamoso Lamas do Carballiño e que está ambientada no val do Barón para contar historias dos veciños que aínda habitan esta zona da bocarribeira.

Un amplo e variado programa co que se tenta chegar a toda a poboación, e por elo, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, animou ós cidadáns de tódalas idades a participar nas Xornadas. No acto de presentación, o edil agradeceu a colaboración do Cine Clube Carballiño, que organizou as Xociviga durante os últimos anos, así como das persoas vencelladas a esta entidade e que foron os pioneiros das Xociviga, coma Miguel Anxo Fernández, Xosé Prada e José Luis Diz.

Filme mudo

Diego Fernández tamén comentou que o orzamento global que manexa o Concello carballiñés para esta actividade achégase ós 15.000 euros, con aportacións propias e doutros organismos. O punto de partida do festival consistirá na proxección, o luns día 25, da película muda "Miss Ledyia", dirixida no ano 1916 por Xosé Gil. A sesión terá lugar na Praza Maior do Carballiño ás 11 da noite e estará acompañada polos acordes da Agrupación Musical da Limia, que previamente interpretará bandas sonoras polas rúas da vila.

Xa o martes, o Auditorio municipal acolle a entrega do premio Xociviga de Honra, que recollerá a actriz e productora Mariana Carballal, autora de series de éxito Dous días despois e no mesmo escenario, será o turno de Eduardo Galán, crítico de cine, que recibirá a Insignia de Ouro do certame.

Unha programación coa que dende o Concello se aposta por recuperar a calidade e a atracción que noutrora tiveron as Xociviga a nivel non só nacional senón tamén internacional.

Te puede interesar