O BNG alerta do impacto do cambio climático na castaña

María Albert durante a súa intervención.
photo_camera María Albert durante a súa intervención.
Recalcou que a doenza dos castiñeiros provocou perdas nas comarcas de Viana e Valdeorras

A deputada do BNG, María Albert, preguntou no Parlamento galego polas previsións do goberno ante a doenza que afecta aos castiñeiros na provincia de Ourense, cuxa produción resulta fundamental na economía da montaña ourensá. Na súa intervención, sumou á incidencia de fungos os contrastes de temperatura con xeadas e frío e calor intenso polo que preguntou se a Xunta ten elaborado “algún estudo sobre o impacto do cambio climático na produción da castaña”.

Tras a intervención do director xeral de Planificación Forestal, José Luis Chan Rodríguez, que anunciou a elaboración de estudos sobre a afectación do fungo sobre as castañas e que a Xunta permanece a espera das conclusións para actuar, Albert preguntou se dentro do Plan estratéxico de xestión conxunta de investimento no sector da castaña foi valorada a incidencia do cambio climático nestas plantacións porque as condicións climatolóxicas deste verán, explicou a deputada do BNG,  “incidiron gravemente  na produción”.

Na súa intervención, a deputada recalcou  que a doenza dos castiñeiros está a provocar grandes perdas nos municipios de Viana do Bolo, A Gudiña, a Mezquita , Vilariño de Conso ou a comarca de Valdeorras e mesmo algunhas organizacións agrarias sitúan estas perdas no 70%, a pesar de que a campaña parecía boa e de calidade. Así cumpriuse o dito popular de que “a castaña quere arder en agosto e beber en setembro”, meses nos que as vagas de calor e as chuvias frecuentes permitían manter a esperanza. Pero as últimas semanas, explicou,  tombaron por terra tódalas previsións e as castañas foron escasas e tamén se viu resentida a calidade do froito debido aos contrastes de temperaturas, “frío e calor intensos”, así como a  incidencia de fungos como a antracnose.

Por outra banda, María Albert tamén preguntou se as condicións climatolóxicas están sendo valoradas “a futuro” e que impacto terán sobre os castiñeiros e soutos. Ademais engadiu outra cuestión sobre se existen previsións cara a futuros investimentos no sector da castaña.

A deputada do BNG aludiu ao estudo realizado pola Xunta de Galicia sobre o impacto dos fungos que se fará público a vindeira semana. A este respecto, preguntou se están previstas medidas de prevención e tratamentos no momento de determinar cal é o fungo que está a afectar á produción e reduce considerablemente os números durante a campaña.

A nacionalista insistiu na urxencia de valorar as “consecuencias do cambio climático” sobre a produción da castaña que este ano “caeron sen acabar de criar e non permitiron xuntar quilos”.  De aí, reiterou, a urxencia de valorar esta problemática e buscar medidas urxentes.

Te puede interesar