O PP reclama un mellor acceso á “Porta de Galicia”

Acceso peonil por estrada á estación_3
photo_camera Os Populares Piden prolongar a senda peonil para os usuarios que acceden a pé.
Solicita continuar a senda peonil ata a terminal e tamén un ascensor

O Partido Popular de Galicia, a través dos seus deputados ourensáns Celso Delgado e Ana Vázquez, cuestiona a boa accesibilidade dos viaxeiros á nova terminal da Gudiña, “Porta de Galicia”. Por este motivo ambos representantes presentaron no Congreso unha petición para mellorar neste senso e dado o incremento do número de viaxeiros que agora accede nesta parada ao servizo do tren, consistente na prolongación ata a terminal da senda peonil -que parte do casco urbano- e na introducción dun ascensor para chegar á plataforma. Concretamente, din dende o PP, que os viaxeiros deben percorrer un treito por estrada para chegar a pe á terminal e salvar unha rampla cun 6 por cento de desnivel para acceder á plataforma.

Os deputados ourensáns lamentan que, pasados cinco meses dende a inauguración da liña de Alta Velocidade con parada na Gudiña, non se teñan acometido aínda as obras para mellorar a accesibilidade. Subliñan, neste punto, que existen queixas dos usuarios e unha solicitude formulada pola Xunta de Galicia e o propio Concello.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, recordan os ‘populares’, construiu unha senda peonil pola marxe esquerda da estrada OU-533, pero esta “só chega ata as proximidades da terminal, pois debe ser Adif a que lle dea continuidade nos terreos da súa propiedade”. Xunta e Concello, sinalan Delgado e Vázquez, “xa trasladaron esta cuestión ao administrador ferroviario, sen obter polo de agora resposta positiva algunha”.

Por último, para a instalación do ascensor xa existe o oco necesario e remarcan dende a formación que o investimento necesario para dita finalidade rondaría os 70.000 euros, unha cuantía que consideran “alcanzable”.

Te puede interesar