Brañas Folk e o son da música tradicional galega

Brañas Folk.
photo_camera Brañas Folk.
O grupo Brañas Folk conta con máis de dúas décadas de traxectoria e catro discos no mundo da música folk. Temas recoñecidos da nosa tradición que se mantiveron vivos gracias a transmisión oral dos nosos devanceiros

No seu último traballo, “Godaxe” - que en barallete significa “festa”-, Brañas Folk fai unha especial chiscadela de ollo a nosa provincia con temas destacados do noso cancioneiro. Ademais, o seu fundador, Manuel Brañas, é tamén o impulsor e actual responsable do Obradoiro de Instrumentos da Deputación, de onde saen instrumentos para todo o mundo e onde tamén o alumnado pode facer os seus propios.

Para descubrir quen son os Brañas Folk, é inevitable descubrilo primeiro a vostede. Falénos da súa historia vencellada a música tradicional.

Son natural do Cebreiro e no ano 1982 cheguei a Ourense cunha ambiciosa proposta, fundar e poñer en marcha o Obradoiro de Instrumentos da Deputación. Xa fai máis de 40 anos e aí sigo, elaborando e ensinando a crear aos asistentes aos cursos a crear os seus propios instrumentos. Nese 1982 tamén fun o responsable, durante catro anos, da Escola de Gaitas. 
Paralelamente, no eido musical, fundei o grupo Arco da Vella, o primeiro grupo de música folk de Ourense. O grupo desapareceu no 2000 e, un par de anos máis tarde, no 2002, fundei Brañas Folk. Con ambas formacións subimos a escenarios de Galicia, Castela e León, País Vasco ou Asturias, ademais de participar no Festival de Lorient, festival francés referente da música tradicional, así como en festivais de Portugal e actuacións a Arxentina, entre outros. 

E nestes máis de dúas décadas de actividade contan con catro discos as súas costas.

O noso primeiro traballo saiu ao mercado tan só dous anos despois de crear Brañas Folk baixo o nome de “Camiñante”. No 2009 sacamos “Alalá do Cebreiro”, que inclue un tema do mesmo nome, gravado onda as mesmas pallozas desta localidade onde teño as miñas raíces. No disco hai numerosas colaboración, máis de 100 músicos en total, e inclúe musicalizacións de letras de autores como Rosalía ou Cabanillas. 
O terceiro disco é “Danza das Burgas”, 12 temas, instrumentais e cantados, que combinan  os sonos tradicionais con arranxos que actualizan ritmos e melodías para facerlle sitio no panorama do folk galego máis renovado. Novamente contamos con grandes colaboradores. 

E chegou “Godaxe”, o seu último traballo.

Neste disco hai temas recollidos da nosa música tradicional grazas a miña nai, grande coñecedora dese cancioneiro que se foi transmitindo de pais a fillos, e cuxa voz tamén está incluída nalgunha das canción do disco. Dos 12 temas, a metade son referentes a nosa provincia como: “Alalá de Vilanova dos Infantes”, “O Pé Das Burgas” ou “Canto da Vendimia de Castrelo”, entre outros. Teño que destacar a “Cantiga 215 Santa María”, de Alfonso X, que foi tocada coa reproducción dos instrumentos que aparecen no Pórtico da Catedral de Ourense. Un son único recollido por primeira vez nun disco. 
Novamente tivemos a sorte de contar con artistas como O Orfeón Treixadura, que puxo voz ao tema “Foliada da Castiñeira” - moi coñecido en Ourense populizada polo Cuco de Velle e a Coral de Ruada-, Pancho Álvarez, Xavier Blanco, Luis Delgado, Segundo Gradío, María Mendez e Mar Gómez.

Esa recollida que fixo dos temas que recorda súa nai, supoño que está ampliada a moitas voces dos nosos devanceiros. 

Grazas a esas persoas foi posible que os temas chegasen a nós. Que perdurasen no tempo. Doutro xeito perderíanse e temoslle moito que agradecer. Hoxe que todo o vemos tan sinxelo parece que non nos damos conta da importancia de falar e contar as cousas para que permanezan. 
Date conta que tamén daquela época os músicos tocaban de oído. Non había escolas nin estudos de grabación. Todo era transmitido oralmente. A xente maior eran os “informantes” de toda esta sabiduría musical.

Falando desa recuperación, o título do disco, “Godaxe”, tamén fai honra aos valores do noso. A algo tan senlleiro como o “barallete”.

No idioma dos afiadores, canteiros e músicos, cada un co seu barallete, “godaxe” significa festa. É outro tesouro que temos. Unha fala única que ten que ser posto en valor.

Enlazando “Godaxe” co seu traballo como constructor de instrumentos e Mestre do Obradoiro da Deputación.

Fálenos desa recuperación dos instrumentos que aparecen no Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense.
Foi unha iniciativa coa que buscamos poñer en valor todo ese patrimonio medieval musical, escrito en arte e pedra. Afortunadamente, con moito traballo e dedicación, xa que non se poden reconstruir coas modernidades de hoxe en día, puidemos recuperar da maneira máis fiel posible cada un deles. Instrumentos que logo empregou o músico Carlos Núñez para ofrecer un ciclo de concertos en acústico en recintos históricos, aínda que ata que recollemos o tema “Cantiga 215 Santa María” en “Godaxe” non estaba gravado en ningún disco.
Nesta amalgama de instrumentos, cabe destacar que, a diferenza da Catedral de Santiago, no noso Pórtico aparece unha frauta de tres buracos, máis típico de Castela e León. 

Como ve a situación da música folk en Galicia na actualidade?

Dende o meu punto de vista, vou ser negativo. Levo máis de 40 anos na música folk e creo que está nun dos seus momentos máis baixos. A xente nova non ten interese neste estilo musical. Móvese máis nos novos sons. Por outra banda, creo que nas programación institucionais non lle dan a cabida que merecen e que tamén é necesaria. Con todo, quero pensar que será cuestión de “modas” e que volverá. Con independencia de se está en mellor ou peor momento, é unha música que pensó que perdurará para sempre. 

Con 40 anos como mestre do Obradoiro de Instrumentos, xa levan pasado pola súas aulas unhos cantos alumnos…

Centos e centos! O Obradoiro divídese en dúas partes: pola mañá facemos instrumentos que nos piden por encargo e diriache que hai instrumentos nosos en todo o mundo. Só pensa que hai un galego en cara recuncho do planeta e moitos deles queren un instrumento tradicional nas súas casas co que facer fronte á morriña. E tamén porque temos moitos músicos repartidos polo mundo.
Xa de tarde son as clases das que podo decir con orgullo que non hai apenas abandonos. Normalmente acuden músicos que queren facer o seu propio instrumento. As veces tamén damos cursos de elaboración dalgún instrumento en concreto fóra do máis común. 

Está en vacacións do curso do Obradoiro de Instrumentos, pero non con Brañas Folk.

Non, toca facer concertos. E nós encantados. Temos algúnhas datas xa pechadas de cara o verán e abertos a que nos chamen para seguir levando a nosa música folk a cada recuncho de Galicia.

O perfil

1. Nome.

- Manuel Brañas Méndez.

2. Lugar e data de nacemento.

- Madrid (“circunstancialmente. Pero galego 100%”). 31/05/1954.

3. Profesión.

- Músico, constructor de instrumentos e Mestre.

4. Un grupo que lle guste especialmente.

- Son partidario das formacións de toda a vida. Carlos Núñez, Luar na Lubre, Pancho Álvarez...

5. Un instrumento.

- Un medieval: o organistrum. Moi complicado de construir, anterior a zanfoña e que se tocaba entre dúas persoas.

6. Na súa casa soa…

- Música tradicional e folk.

7. Un lugar onde lle gustaría actuar.

- Volvería ao Festival de Lorient.

8. Un recordo da súa nenez.

- Os días xogando coa neve no Cebreiro. Daquela si que nevaba abondo!

9. De maior quería ser…

- Músico. E así comecei como autodidacta. Hoxe en día podo mirar atrás e sentirme orgulloso de facer aquello que quería. Non todo o mundo ten a posibilidade de dedicarse ao que lle gusta.

10. Cando se mira ao espello, ve…

- Que fixen cousas que van quedar aí. Pero na vida, sempre quedan cousas por facer.

11. Unha viaxe pendente.

- A Italia.

12. Un lugar para perderse.

- Os montes do Cebreiro.

13. Perde a calma con…

- Moitas cousas, pero hai que tomalas con calma…

14. Recobra a calma con…

- A música.

15. Un soño.

- Que haxa un mundo máis xusto. 

Te puede interesar