TEATRO

Grupo de teatro Entrebambalinas: que comece o espectáculo!

Ás veces unha entrevista transformase nunha gran peza de teatro improvisado. Nunha obra coral na que non hai un protagonista, senón 10. Eles conforman o grupo de teatro Entrebambalinas, integrado por alumnos do Programa Universitario de Maiores do campus de Ourense baixo a dirección de Sabela Gago. Eles son: Inés Miguélez, Moncho Méndez, Emilia Martín, Puri Castiñeiras, Chus Constenla, Xan Losada, Mariem Pena, Candi Rodríguez, Pepa Blanco e Alfonso Moreiras que estrearon en xaneiro, no Teatro Principal “Que viva o Duque!”, unha trama que xira en torno a un grupo de cómicos que está ensaiando unha peza para representala ante o duque de Simancas. 

Entrebambalinas é un grupo que transmite moita unión máis alá do escenario. Aínda que a entrevista se faga individualmente. Unión polas horas de ensaio -“só hora e media, dúas como moito un día a semana”, expresa Pepa Blanco con certo ton de fastidio, como querendo máis tempo- ou talvez sexa pola paixón que todos sinten polo teatro. Algúns xa tiñan o verme da actuación de cativos, como Candi Rodríguez, que lembra actuar no patio da casa e cobrar entrada “10 céntimos” a aqueles que querían pasar un chisco vendo unha obra de teatro caseira, outros chegaron de acompañantes e acabaron ficando e sumando, e outros comezaron para vencer a vergoña, tal e como confesa Emilia por primeira vez. O que é común a todos é que, unha vez que se matricularon, “engancháronse”, e tachan no almanaque os días para que chegue o ensaio dos martes. 

É un tempo de evasión no que se esquecen os seus problemas, nos ensaios poden ser outros e vivir outras vidas diferentes as súas. 

Sabela ten moita paciencia con nós. Cos anos volvémonos máis ‘rebeldes’. Despois de toda unha vida cumprindo normas, horarios… cando te xubilas queres facelo en todos os sentidos, aínda que te acatas as normas, é como que todo nos da máis igual, subliña Moncho Méndez : Recoñezo que non sei como non se desespera! (risas)”

En xaneiro estrearon “Que viva o Duque!” unha adaptación da obra de José Luis Alonso Santos “¡Viva el Duque, nuestro dueño!”, unha peza coral na que todos están no escenario durante o transcurso da trama. “No proceso houbo moitas horas de ensaio e unhas semanas antes da estrea se triplicaron as horas para asegurar a memorización de textos e movementos”, comenta Puri Castiñeiras.

A trama é complicada xa que eles eran uns actores e actrices que  ensaiaban unha obra para representar ante o Duque. “ E foi complicado entender cando eran actores e cando personaxes da obra”, di Sabela. Ademais, ao ser unha obra coral, o texto está moi repartido entre todos e as posibilidades de improvisación se limitan, xa que un cambio nunha frase, despista ao resto dos compañeiros.

Outra das dificultades desta obra era que, aínda que non lles tocase falar, todos eles tiñan presencia no escenario. E as coreografías dan moito ritmo ao espectáculo pero requiren moita enerxía, memoria e concentración. E todo milimetrado. “Temos que ir todos a unha”, comenta Inés Miguélez.

A adaptación ao Teatro Principal tamén ten a súa complicación. Non é o mesmo o ensaio na Aula Emilia Pardo Bazán, que sobre as táboas do Principal. “Eso desorientaos moito, por eso sempre traballo con algún elemento escénico que lles sirva de referencia. Con todo, chegar alí, é fastidiado. Os focos, as patas do teatro, a inclinación do escenario… Pero adaptáronse perfectamente”.

Unha vez subidos ao escenario do Teatro Principal, a pregunta é case obrigada: os nervios? “Para min, a xente desaparece. É como estar nunha nebulosa e non os vexo”, comenta Xan Losada, xa con experiencia como músico sobre os escenarios. “E un esmerase máis para que saia perfecto”, di Alfonso. “Nervios é bo telos, aportan un estado de alerta necesario para estar concentrados no que se conta”, comenta Sabela. 

E coa gran ovación final, toda dúbida se disipa e un se engrandece e sinte máis orgullo de todo o esforzo levado a cabo. “Eu penso que entrar polo patio de butacas, coa forza de Alfonso diante, aí xa se esfumaron gran parte dos nervios”, comenta Moncho.  “E os exercicios de relaxación que fixemos con Sabela antes de comezar”, comenta Chus.

“Eu quero destacar que o público os arropou e estivo dentro da obra en todo momento. Coas súas risas, coa súa ollada, coa súa atención… Eu quería que o espectáculo estivera en ritmo, que se entrara na trama, que cada actor e actriz soubera o seu cometido en cada momento. Eles conseguíono, e o público agradeceuno co seu aplauso”, comenta Sabela. 

Segunda peza a escena

Esta é a segunda peza que levan a escena . A primeira foi “Catro corazóns con freno e marcha atrás”, de Enrique Jardiel Poncela. Aínda que nun principio só quería xogar e o grupo non tiña como obxectivo a representación dunha peza teatral, ao  final, o teatro ten esa función de comunicar. Senón é como se quedase a medias”. E a experiencia de actuar diante das súas familias encantoulles. A adrenalina, os nervios, o compromiso de estar ante o público… e a recompensa do aplauso.  “Xa non temos medo o ridículo”, comenta Alfonso Moreiras. Pero máis que ese medo, é a confianza en Sabela. “No camiño de preparación eles aprenden a confiar en mín. e saben que eu non lles vou deixar facer o ridículo. Se o espectáculo non estivese listo para mostrar, quedaría como un xogo dramático para nós. Ante todo, temos que estar seguros do que facemos”.

“E no proceso de ensaios primeiro se traballo co sentido, co que queremos contar. Despois van analizándose os personaxes, como caracterizalos e contrastalos co resto do reparto. Nunha segunda fase profundizamos nas escenas e comezamos a interpretar escoitando ao compañeiro ou compañeira. E, despois, incorporamos as coreografías e todo o movemento escénico. O ritmo vai xurdindo á par dos elementos escenográficos e de atrezzo. A música e a luz arroupan e engaden emoción. 

Tamén é importante a labor individual de cada un: estudar e ler moitas veces para repetir as escenas, saber o que queremos comunicar, traballar a memoria, sociabilizar, manterse activos… “e, ao final, somos unha gran familia que se preocupa polos que están e polos que non puideron vir ese día”, comenta Sabela. 

Con toda esta conversa, distendida, chea de anécdotas, descubrimentos, diversión, e tamén aprendizaxe, o teatro ten moitos valores, pero para eles, se teñen que destacar algún, máis alá de manterse activos en corpo e mente, é o de ver que son capaces de facer algo bo e bonito. “Somos útis aos 20, traballodores aos 40 e a ‘releite’ aos 60”, comenta Moncho. “E dispostos a dar moito máis e continuar”, engade Alfonso.

“A nosa idea agora é levar o espectáculo a vilas onde haxa outras aulas de teatro como Vilamarín, Celanova ou Ribadavia para compartila con eles”. 

Con este elenco, na casa non poden máis que presumir deles. Darlles azos para seguir no teatro e encantados de que lles guste e desfruten do que fan. 

Te puede interesar