Masakazu Shida, o oleiro ourensán que modela sensacións

Masakazu Shida chegou a Ourense directamente dende Tokio no ano 2007 para adicarse ao sector da moda, sen pensar nunca que a vida na cidade o levaría a retomar unha das asignaturas pendentes da súa vida: a cerámica.

 Tras unhos primeiros meses de complexa adaptación tanto cultural como de idioma, agora Masakazu Shida pode presumir de defenderse perfectamente en galego e castelán, e agora xa considera a cidade como a súa segunda casa.

O lugar onde puido cumplir ese soño e ilusión que segue modelando día a día, o traballo do barro. E onde comezou como alumno, na Escola de Artes e Oficios da Deputación, agora imparte clases de cerámica. Loitando contra o barro e a súa resistencia a adquirir unha forma, creando e dando vida. Unha das mil e unha que este material ofrece.

De cara ao futuro, a ilusión e a aprendizaxe, como debe ser, non cesan. Exposicións, traballos no seu taller, a ensinanza e ser guía oficial de Galicia para ensinar a Xapón o pequeno gran paraíso que é Galicia.

Como primeira pregunta teño que resolver unha curiosidade case natural que seguramente todos os que nos lean se preguntarán. Que foi o que o trouxo dende Xapón a Ourense?

Cheguei a Ourense no ano 2007 para adicarme ao sector da moda da man dunha empresa internacional. Naquel momento eu pensaba que Ourense non era o meu sitio. Pensaba en Londres, en alguna cidade francesa ou italina, pero a vida non quixo que este fose o meu destino e Galicia acabou por “atraparme”. Así que me quedei máis tempo, e vivín en Vigo traballando para diferentes marcas do mundo da moda.

Eu nacín en Osaka, vivín en Kioto e Tokio moitos anos, así que de primeiras buscaba unha cidade máis activa, con moito movemento e balbordo de xente, decidín irme a Madrid buscando traballar en grandes empresas moito máis dinámicas. Pero a natureza de Galicia, chamoume para volver. E chamoume para que fose a Ourense. Para mín é un paraíso.

E ese vínculo case máxico que ten con Ourense a que cree que se debe?

Outro dos lugares nos que vivín en Xapón foi en Kioto. E Galicia ten algo de semellanzas con Kioto. É moi verde, moi puro, moi natural. Ten a esencia da natureza.

Como foron eses primeiros anos de adaptación?

Horribles! (risas) Eu vivía en Tokio. Imaxina o contraste Tokio – Ourense! Esto é tan pequeniño, non entendía a mentalidade da xente. Ao vir dunha grande cidade, máis cosmopolita, cada un “vai ao seu”, non se preocupa para nada da vida dos demais. Eu non entendía que aquí me estivesen preguntando todo o tempo polas miñas cousas… O que buscaban era axudar, pero eu non entendía esa maneira de ser.

Que foi o que máis lle costou?

O idioma. Non sabía nada de español nin de galego. E agora xa me ves falando galego e moi orgulloso delo.

E o ben que se desenvolve! Como fixo para aprender tan axiña?

Con interese ante todo. E logo cos compañeiros e compañeiras de traballo e piso. Estando con eles, aprendín con eles. Tamén saíndo de festa, como non! Fun aprendendo como algo natural. Como se se tratase dunha actividade de lecer máis. 

E que me di da gastronomía?

Non, aí si que non tiven problema! (risas) Encántame comer e a comida aquí é marabillosa. Incluso che diría que a gastronomía me axudou moito a adaptarme.

Agora que xa estamos instalados na cidade das Burgas, fáleme desa arte súa coa cerámica. De onde lle ven? Porque a cerámica?

O artista xaponés, traballado nun torno de alfareiro.
O artista xaponés, traballado nun torno de alfareiro.

Lembro de cativo traballar con barro e plastilina nas clases. Xogar a modelar e o moito que me gustaba. Chegada á adolescencia estudiei un bacharelato de Belas Artes. Pintura, debuxo, arquitectura… pero nese momento para sumerxirme na cerámica non tiven nin a oportunidade nin a capacidade porque estaba a moitas cousas. Xa en Ourense, no 2015 entereime de que a Escola de Artes e Oficios da Deputación ofrecía esa posibilidade, así que me non dubidei en matricularme para comezar a formarme nesta disciplina. Era unha asignatura pendente para mín. 

Que foi o que fixo que se fose mergullando máis en traballar o barro? Que non perdese para vostede o interese según o ía traballando máis. 

Non foi a típica imaxe da película “Ghost”! (risas). Penso que son as grandes posibilidades que ofrece o barro. Posibilidades que fun descubrindo pouco a pouco, e que sigo aprendendo. Todo o xogo que da traballar con el sobre o torno. Desde útis a pezas decorativas. Pero eso si, o barro é moi “cabrón” (risas). Deseguida quere volver ao seu sitio e desfaise entre as mans. É un desafío.

Cal é a sensación que máis lle gusta de traballar co barro?

Ver como o vas controlando, buscando darlle a forma perfecta. A vida que ten, o seu carácter e idioma. Esa pequena “loita” co material. E aínda que non o creas, acabo suado cada vez que remato unha peza.

As súas pezas son froito do deixarse levar ou teñen detrás bocetos?

Sempre debuxo antes. Teño a miña libreta onde recollo as cousas que me gustaría plasmar. Dende sempre recollía en cadernos as cousas que quería plasmar, e logo buscaba o material en que facelo. Iso é algo que non cambiou en mín cos anos, e que tampoco quería que cambiase.

Ten xa definido o seu propio estilo?

Masakazu Shida traballando con barro.
Masakazu Shida traballando con barro.

Aínda estou na búsqueda del. Fago moitísimas cousas diferentes. Dende o máis tradicional ao contemporáneo. Incluso cerámica da historia de Xapón, onde hai unha grande cultura desta arte. Aínda que teño que recoñecer que debín de habela estudiado cando estiven alá, non empezar agora que estou aquí (risas). 

Falamos de que foi alumno na escola, pero neste curso 2022/2023 estreouse como mestre.

Si. Aprobei a praza e agora tócame ensinar o aprendido. Xa en Xapón traballara como docente nunha escola de moda, así que tiña experiencia. Pero eu precisaba saber máis, formarme, cousa que sigo facendo, para poder transmitilo do mellor xeito posible aos alumnos. 

E de cara o futuro, en que anda metido?

Ademais dos traballos e clases en barro, estoume preparando para ser guía oficial de Galicia. Quero transmitir toda a beleza desta terra e traer a xente de Xapón para que descubra a súa natureza, patrimonio e gastronomía. Que veñan a este paraíso.

Tamén estou preparando unhas exposicións, unha delas colectiva na que traballo con outros artistas, e outra individual. E seguir loitando!

Xa, a modo de remate, que é o que máis lle gusta de vivir en Ourense?

Síntome como se fose a miña segunda casa. A miña segunda vida. 

Te puede interesar