Nieves Fernández: pastora, artesana y escritora

Nieves Fernández
photo_camera Nieves Fernández
Nieves Fernández é veciña de Quintela de Pando, en Viana do Bolo. Alí desenvolve a súa creatividade de artesá e escritora

Nieves Fernández vive na pequena aldea de Quintela de Pando, Viana do Bolo. Un recuncho rodeado de montañas e da pureza do monte no que ten as súas raíces profundamente enterradas. O seu propio paraíso do que goza cada día e que comparte cos seus cans e as súas ovellas de raza galega, aportando un importante gran de area para a súa recuperación, xa que se trababa dunha casta en perigo de extinción.

Nese transcorrer de estacións con elas en plena natureza, Nieves atopou tamén os momentos para desenrolar a súa creatividade e, pouco a pouco, foi tallando ata máis de 600 pezas en madeira que expón no seu museo. E tamén a súa capacidade para a escrita, publicando un libro que recolle poemas acompañados de imaxes que tamén ela mesma fixo. O rural está cheo de historias e de vida. Só hai que saber velo cos ollos axeitados.

Para ser gandeira unha ten que querer moito a terra e a devandito traballo. Supoño que ese é o seu caso.

Sen dúbida, para mín a miña terra e os meus animais sono todo. A mín crioume miña avóa porque os meus pais non tiñan posibilidades. Proviña dunha familia moi humilde. E ela tivo dez fillos, criou a sete, e despois sacoume a mín adiante. Ela tiña ovellas, pero daquela había veceira -rebaños comunitarios nos que as diferentes persoas tiñan periodos de tempo nos que che correspondía ir con elas- nas que nos acompañaba un pastor. Eu desfrutaba de estar ao aire libre e escoitas os contos e toda a sabiduría que me transmitía miña avóa e o pastor. Eran unha lección de vida que nada tiña, nin ten, que ver co que aparece nos libros. Supoño que de aí ven o meu amor pola natureza, os animais, as ovellas que son o meu traballo, pero tamén as miñas compañeiras. 

E así e todo, tamén coñeceu o que é a vida na cidade. 

Con 16 anos marchei a traballar a Madrid. Imaxínate! Eu que nunca saira da miña pequena aldea e chegar á cidade. Lonxe dos agarimos da miña avóa e a liberdade do rural. E alí estiven, incluso, anos máis tarde, traballando nun local bastante concurrido de hostelaría xunto co meu home. Para mín supuxo un cambio tan grande deixar a miña terra, que, cando decidimos volver, cando quedei embarazada e quixen que meus fillos naceran en terra galega, prometín que nunca máis me iría do lugar que me viu nacer.

Nese regreso foi cando comezou a darlle máis vida á explotación de ovellas?

Foi polo ano 1982. Daquela miña avóa só tiña 18 ovellas. No 1997 deime de alta no Réxime Agrario con 160 ovellas de raza galega, e, a partir de aí, tan só a base de recria, cheguei a contar con 500. Na actualidade conto con 200

Por se alguén non a coñece, fálenos da raza de ovella galega. 

No ano 2000 creamos Asovega, Asociación de Criadores da Raza de Ovella Galega, co fin de recuperala xa que se achaba en perigo de extinción.  Trátase da mellor raza, tal como di o seu nome, que mellor se adapta as particularidades galegas e que mellor aproveita o entorno para desenvolver todo o seu potencial. 

No 2010 chegou a Medalla ao Mérito Agrario que concede o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Si, aí tiven que volver a Madrid (risas). Foi polo traballo de recuperación que che comentaba da ovella galega. 

Que lle decían cando deixou a “gran cidade” por regresar ao pobo?

Que estaba tola. Non o entendían. Xusto me viñen cando toda a xente marchaba emigrada. Eu non cambio por nada do mundo o rural pola cidade. A calidade de vida que teño aquí, non a atoparía nunca nunha urbe. Hoxe en día hai moitas comodidades que che poden permitir traballar e estudiar nunha aldea.

Se hai que ser valentes para irse, tamén o hai que ser para voltar.

E tendo en conta que daquela aquí non tiñamos nada. Viñemos para a casa da avóa, e pouco a pouco fomos tendo o noso. Pero sen dúbida foi unha das mellores decisións que tomei na miña vida. 

Nese tempo de coidado das ovellas polas montañas, atopou varias afeccións. Unha dela é a de tallar a madeira. 

Comecei cando os meus fillor eran cativos. Non había cartos para mercarlle moitos xoguetes, así que eu aproveitaba o tempo que estaba coas ovellas para tallar a madeira e facerllos eu mesma. Alguén llos viu e díxome que estaban moi ben feitos, que tiña que atreverme a facer máis cousas. Así, conforme pasou o tempo, eu fun creando novas pezas. 

Cal é a súa fonte de inspiración?

É a mesma madeira a que me pide converterse na figura que acaba sendo. Eu non fago deseños nun papel para guiarme, senón que vexo as formas nas ramas das podas das árboles ou cando corto a leña. 

E de aí naceu o seu museo.

Un museo que lle debo aos meus fillos e a ese empeño meu en facerlles os primeiros xoguetes en madeira. Nun principio gardaba as pezas no baixo da casa da avóa, onde tiña ao redor de 200 pezas. Cando ela finou puiden mercar unha casa que fomos rehabilitando aos poucos, e xa coa idea de que acollese un pequeno museo. Agora mesmo teño sobre 700 pezas de madeira e tamén algún traxe de Entroido, como as máscaras que lle fixen para que os meus fillos se vistan de Boteiros e saian co Fulión de Quintela. 

Cando se pode visitar?

Teñen que avisarme, por se ando coas ovellas no monte. Está algo parado, pero aí está para que todos aqueles que se acheguen a Viana teñan un lugar máis que poden visitar visitar. 

Ademais de facer xoguetes para os seus fillos, tamén tiveron o privilexio de que lle escribiu os seus propios contos.

Non ter riqueza, non significa que sexas pobre. A riqueza vai no interior. E se a sabemos transmitir, da igual as cousas materiais que un teña. Eu tentaba que eses relatos transmitisen o amor pola natureza e os animais, sentimento pola terra na que naceron, que tivesen unha moralexa que lles servise de lección… A eles encantáballes lelos.

O que comezou con contos chegou a ser un álbum relatado na rede social de Facebook. 

Outra cousa que lle debo aos meus fillos. No 2013 agasalláronme cun móbil que facía boas fotos, instaláronme o Facebook… Confeso que eu non o quería por nada do mundo (risas), pero despois converteuse nunha xanela ao mundo no que eu me expresaba día a día. Así, un ano despois comecei a facer fotos do que me rodeada e que acompañaba cun pequeno escrito.

E chegou o seu libro.

Botei máis de sete anos publicando en Facebook e a xente animábame a que publicase un libro. Así, mediante a autoedición, saquei un de 300 páxinas con fotografía e textos, tal e como facía na rede social. Foi unha tirada 500 exemplares e acabáronse. Se hai demanda, poida que volva sacar máis á venta. 

A modo de remate, como transmitiría o seu amor pola terra e o rural?

Decía miña avóa que non hai terra mala se a sabemos entender, se a tratamos como nos gustaría que nos tratasen a nós. Eu teño máis de 150 árbores frutales e decorativos onde antes era un ermo e a xente decía que non valía para nada. A terra sempre che devolve moito máis do que lle das. Oxalá máis xente vise o rural como o vexo eu, como un paraíso no que vivir e que tamén pode dar de comer. Eu teño ese privilexio de poder vivir dun traballo que me gusta. E, se alguén aínda non o ten claro, sen terra, non hai futuro. A agricultura e gandeiría e esencial para que todos os habitantes do mundo poidan vivir. Hai que repensar a vida actual canto antes e cambiar a visión que temos do campo. Nós somos natureza, polo tanto temos que coidala se queremos formar parte dela.

Te puede interesar