Lixoteca

Un cabaliño para as túas aventuras

photo_camera Na Lixoteca desta semana preparamos un cabaliño co que cabalgar cara grandes aventuras.
Para preparar o teu cabaliño aventureiro necesitarás varios materiais pero son todos moi doados de conseguir: cartón (pode ser unha caixa vella), un pau dunha escoba que na casa xa non utilicedes, tesoiras, lá de cores, rotuladores, cinta decorativa e pegamento.

O primeiro paso será debuxar a silueta dun cabalo no cartón e cortar dúas pezas iguais. Podes facelo tan grande como queiras e tes marxe para rectificar ben o perfil do cabalo antes de recortar. Non esquezas cortar tamén dous triángulos para facer despois as orellas do cabalo.

Despois de que teñas recortadas as dúas partes, toca pegalas. Colócaas en espello e pega unha contra a outra fixándote de deixar as marcas de bolígrafo ou rotulador pola parte de dentro para que non se vexan. Pega tamén as orellas. Importante! Deixa a parte de abaixo da cabeza do cabalo sen pegar.

Chega a parte máis divertida, toca decorar. Fai primeiro cun rotulador negro o fuciño e o ollo do cabaliño, para que vexa ben as vosas aventuras. Nós colocámoslle un pouco de cinta decorativa na fronte, cortamos lá para pegarlla a modo de crin e atámoslle un lazo vermello para guialo. 

Lembras que deixamos sen pegar a parte de abaixo? Pois agora é o momento de que entendas por que. Colle o pau da escoba e méteo por esta parte que quedou sen pegar todo o fondo que poidas. Se ves que queda moi frouxo, podes darlle un toque de pegamento contra cada lado do cartón.

Xa só queda que prepares as túas pernas para comezar a trotar! Estás listos para comezar a vivir grandes aventuras con este divertido cabaliño. Se queres, podes buscar outro pau e preparar un cabalo extra para que alguén te acompañe nas túas viaxes. Xa sabes… Mans á obra!

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_1505_lagrimeo_01
Escola de Familias

Lagrimeo en el lactante