O meu cole chámase...

Filomena Dato

Unha vida ligada a Ourense

xornalescolar_2601_filomena_dato_003

Naceu en Ourense en 1856. Naquela época, as mulleres non tiñan moitos dos dereitos dos que gozamos hoxe, pero Filomena Dato Muruais foi unha loitadora incansable para lograr que o papel feminino na sociedade perdese os estigmas que a relegaban a quedar na casa coidando da familia.  Pouco se sabe da súa vida, máis alá das amizades que mantivo con outras escritoras da súa época como Emilia Pardo Bazán. Durante a súa vida, que rematou no ano 1926 na Coruña, recibiu moitos premios literarios e foi tamén nomeada como membro correspondente da Real Academia Galega en 1906.

Lírica feminista en galego

xornalescolar_2601_filomena_dato_001

Aínda que o seu nome non figura na primeira liña do Rexurdimento, Filomena Dato foi unha fervente defensora do galego como lingua literaria, se ben “Follatos” é a súa única obra escrita no idioma. As súas composicións poéticas eran habituais nos xornais da época e, xunto con Rosalía de Castro, está considerada unha das grandes representantes dos versos feministas. A súa loita contra os estereotipos de xénero, moi presente ó longo da súa traxectoria literaria e vital, non cesou nin pola cegueira que adquiriu xa de maior e que a acompañou ata o seu falecemento. 

Un colexio e unha rúa

xornalescolar_2601_filomena_dato_002

Hai un colexio na provincia no que os seus escolares lle renden homenaxe cada día. Está situado na Valenzá e, ademais de centro educativo, no complexo das súas instalacións está tamén a Escola de Música Municipal, polo que a actividade é constante durante o curso no lugar que lembra a esta escritora feminista da segunda metade do século XIX. Con todo, Ourense tamén a lembra e, na súa memoria, hai unha rúa no barrio da Carballeira.  A ourensá escribiu  versos coma “Os que negan â muller / intelixencia e talento, / a millor contestaceon /cicais que fose o disprecio”, que a fixeron eterna.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar