Opinión

Blanco Amor e o "Cross Country" de 1917

O vigués Manuel de Castro asinaba as crónicas deportivas dos anos vinte como “Handicap” e foi un dos pais deste Celta de Vigo que cumprirá o ano que vén os cen. Pero ademais foi promotor en Galicia, desde 1915 ou así, dos “Cross Country”, carreiras a pé (“pedestrismo” chamábanlle daquela). O primeiro “cross” feito en Ourense, co seu asesoramento, foi o domingo 15 de abril de 1917 e tivo como motor organizativo o Victoria Football Club, con sede na rúa das Tendas núm. 5, 2º. La Región do 8 de abril dá todos os datos de como ía ser; o percorrido, seica cinco quilómetros: saída de Paz Nóvoa -Paseo-, subida por Hospicio -Concordia-, Santo Domingo, San Lázaro, de aí a Ponte Nova, cruzar o barrio da Ponte ao pé da antiga estación, e volta pola Ponte Vella, Progreso, Xardín do Posío no que se entraría pola porta sur e sairía pola norte, rúa Padre Feijoo, Colón, Obispo Carrascosa, Praza Maior, Instituto -Lamas Carvajal- e finalizar de novo en Paz Novoa. Tamén sinala as normas que rexerían. Moi simpáticas algunhas como a 9ª: “Las reclamaciones deberán hacerse hasta diez minutos después de terminada la carrera, depositando cinco pesetas que se devolverán si el reclamante tenía razón”; ou a 15: “Quedan prohibidos los entrenadores...”. Dáse tamén a listaxe de premios -copas, diplomas, plumas e obxectos varios- e os políticos, comerciantes e industriais que os achegan: o conde de Bugallal, Vicente Pérez, Luís Espada, Manuel Barbosa, srs. Román, viúva de Celestino Vázquez, etc. A crónica do día 17 fala do éxito inmenso e público e participación: 36 inscritos, 25 persoas integradas en equipos de Vigo, Monforte e Ourense, e o resto libres. O gañador (Daniel Nieto, en 18 minutos e segundo e medio) e os cinco seguintes eran de equipos de Vigo; o sétimo, de Monforte, e o oitavo, o primeiro ourensán, Gerardo Garrido. 

E Blanco Amor? Pois andaba xa na organización do evento, tema no que logo se especializaría, pois participou na recepción de Ramón Franco en Buenos Aires, co Plus Ultra, en 1926; ou na de Castelao cando chegou como exiliado, ou mesmo organizou o seu enterro, en 1950. Contra a fin da crónica deportiva do xornal dese día 17 de abril, di así: “Después, la directiva del Victoria F.C. obsequió a los forasteros y al Jurado con pastas, licores y cigarros; leyendo el joven literato Eduardo Blanco Amor, socio protector del club organizador, unas cuartillas de salutación a los deportistas forasteros que fueron muy aplaudidas y muy felicitado Blanco Amor”.     

Se cadra é a primeira referencia a el na prensa. Antes dos vinte anos, xa é aplaudido e considerado “joven literato”. Contado isto ao amigo Luís González Tosar -se cadra a persoa que máis leva turrado da súa memoria- fíxome reler o extraordinario e non abondo gabado libro de 2007 “Ars Amandi”, no que se recolle toda a poesía amatoria do autor -desde 1914-. Moita dela foi regalada, en cadernos manuscritos, aos amantes. O derradeiro poema do libro, sen data pero que debe ser de finais dos vinte, está dedicado a un deportista descoñecido. Titúlase “El Nadador” e paira nel unha visión extasiada, plena de sensualidade homoerótica, ante un apolíneo e áxil atleta que baixo a brisa e sol se ergue da area e se lanza a nadar no mar. 

Ao ano seguinte, 1918, Blanco Amor volver participar na organización desde o xurado da carreira, o 5 de maio, onde coincidirá, cremos, cunha das primeiras persoas ás que lle dedica poemas de amor. Poucos meses despois, marcha a América. Ourense apertáballe como un zapato a unha xaponesa -a expresión é súa- e, ademais, quería escapar da chamada a filas: non quería saber nada da guerra de África.

Te puede interesar