Opinión

A bolboretiña do día | Os catro nomes deste mes

Empecemos. O tradicional culto e máis vello sería “decembre” -de aí o refrán “Decembre boa candela acende”, por iso do frío e do ben que vén o lume. Logo viría, pola contaminación da maioría dos meses con nome rematado en o -todos menos abril- e pola tradición portuguesa,  que fixeron rematar en -bro, os que o facían en -bre. De aí, o segundo nome, o oficial “decembro”, que cremos, non xerou ningún refrán.

Pero na fala temos, tamén, dous nomes tradicionais: Natal, de forma compacta en todas as aldeas de Ourense e Pontevedra ata a Terra de Montes, incluída,  e Nadal na Coruña e Lugo.

O noso  Natal é común co portugués e predominante nos homes de Nós, pero Nadal tivo maior fortuna literaria, sobre todo a partir da chegada das felicitacións catalás a Galicia, nos anos sesenta, que puñan “Bon Nadal”. Eu, pola ourensá, doulle a benvida ao mes dicindo “Bo Natal”, ou “Boas Festas”.

Te puede interesar