Opinión

CHIPRE, A MI PESAR

Unha das novelas de Torrente Ballester está situada entre Villavieja del Oro ?unha cidade do interior de Galicia, trasunto de Ourense- e as terras do norte de Portugal. Premiada co Planeta de 1988, titúlase 'Filomeno, a mi pesar', porque sempre que lle preguntaban ao protagonista a súa graza, repetía esa frase. Tal era o disgusto co seu propio nome.


Pois con Chipre acontece algo parecido. Case se pode dicir que Chipre é Chipre, ao seu pesar. Fíxose a base de lixeiros fíos internos e de grosas sogas externas. Pero empezemos polas terras e as xentes que aínda que hoxe nos pareza raro existían antes que os bancos. Chipre, illa de fermosas costas e duro interior, está situada a cen quilómetros de Siria e á metade de Turquía. É un chisco máis pequena que a provincia de Lugo, e está dividida entre dous gobernos, un dos gregos ao sur ?que mandaría sobre unha superficie un pouco superior á provincia de Pontevedra- e outro turco ao norte que teria o tamaño correspondente a sumar as comarcas de Celanova, Baixa Limia, A Limia e Terra de Verín. Todo pouca cousa.


Por outra banda, se lles digo que Demis Rusos naceu en Alexandria (Exipto) e Elia Kazan en Estambul (Turquía), entenderán que os gregos estaban historicamente esparexidos por todo o mediterraneo oriental e a súa decadencia virá sempre de mans das radicalizacións deses países. Fixéronse verdadeiras barbaridades. Unhas máis antigas e outras máis recentes.


En fin. Que Chipre é grega por poboación antiga, turca por conquista desde 1570, e pasou a ser inglesa co reparto do mundo que se fixera en Berlín en 1878. As dúas comunidades pelexaron contra o inglés con ideas distintas: os gregos, o 70%, querían a 'enosis', unirse con Grecia e seguir os pasos de Creta (integrárase en 1913) e outros, a minoría turca, querían dividir a illa ('taksim' dicían) e integrar a súa parte en Turquía. Como a cousa non levaba boa traza, os ingleses, para que non pelexasen, favoreceron a independencia (1960) cun estado mixto, tutelado por eles, os turcos e os gregos, e, de paso, quedaban con dúas inmensas bases militares en propiedade. O bispo Makarios, lembran, foi o xestor dese lío e figura moi popular nos sesenta e setenta. Un golpe militar propiciado pola ditadura dos coroneis gregos, en 1974, co obxectivo de favorecer a 'enosis', fixo que os turcos ocupasen o terzo norte da illa. Desde ese ano, a illa esta dividida.


Chipre, desde a independencia, e máis aínda desde a división, pasou a ser un estado pouco serio. Unha máis entre as bandeiras de conveniencia ?tipo Panamá ou Liberia- para frotas medio piratas. E no mundo dos cartos e dos bancos, outro tanto. E sabíano todos. Como sabían que Dimitris Christofias, presidente comunista dobremente ortodoxo de Chipre entre 2008 e febreiro de 2013, vivira en Moscú de 1969 a 1974. Alí fixo amizades moi perigosas. E algo ten el que coa crise. Como en China, a palabra comunista, engana. Hoxe por hoxe, Chipre é unha pedra no zapato europeo. Se só molesta ou fai tropezar, xa o veremos. Porque sempre quedará o recurso de descalzarse e sacar a pedra. O que non axuda moito é que o presidente do Banco Central de Chipre se chame Panikos.

Te puede interesar