Opinión

Discretos centenarios: Aquis e San Cibrán

No número 9 da revista Nós -marzo de 1922-, Cuevillas dá a coñecer o xacemento e as primeiras exploracións que fan por Baños de Bande baixo o título de “A mansión de Aquis Querqernis”, onde son conscientes da modestia pero importancia do seu esforzo. Logo de falar de que os textos latinos comentan pouco de Galicia e que hai grandes avances na epigrafía e na identificación das vías, di Cuevillas: “E así as cousas non cabe ós aficionados a ista clas d’estudios máis qu’un recurso: o de prauticar esproraciós preliminares, o de fixar d’unha maneira certa o lugar dos yacimentos históricos pra qu’outros mais afortunados terminen o labor comenzado. Empresa modesta e pequena com’operación de vanguardia que descubre o terreo y-avisa ós que veñen detrás. Traballo útil pero que ten a tristura das cousas que s’empezan sabendo que non s’han d’acabar. Y-esto foi o que nós fixemos en Aquis Querquernis. Queira Dios qu’o noso labor poda ser terminado algún día”. Supoño que hoxe, cen anos despois, Cuevillas estaría encantado dos avances nas escavación e reedificación do campamento romano, o Castra Quarquernorum, da existencia do Centro de Interpretación, e incluso do concurso para facer un Balneario preto do Aquis Querquennis, que sería a parte civil complementaria ao campamento militar. 

Esas mesmas palabras nas que xulga o traballo propio, poderían ser aplicadas ao artigo publicado na mesma revista, o mes seguinte -abril de 1922-, en que comeza unha serie sobre “O castro ‘A cibdade’ en San Ciprián de Las”, achegándose a cuestións primeiras, como emprazamento, fortificacións, medidas -391 x 280 m., o máis grande de Galicia-. Como saben vostedes, San Cibrán de Las, sede do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, é un lugar precioso, e que a vista desde o monte de San Trocado, alí ao lado, engaiola ao poder contemplar o curso medio do río Miño e un grande cacho de Galicia, da Dorsal á raia portuguesa. Se algún de vostedes non coñece o sitio, xa está tardando en subir. Por certo, que San Trocado, San Torcuato, é o santo que leva o colar, o torques, de aí lle vén o nome, foi discípulo do noso Santiago e, seica, un dos primeiros bispos de Andalucía. Cando chegaron os mouros trouxeron as súas reliquias a Galicia. Primeiro pousaron en Santa Comba de Bande, e logo leváronas a Celanova. Alí, andando o tempo, troceáronas -o negocio das reliquias- e mandaron algúns anaquiños a Ourense, a Guadix, a Santiago, ao Escorial, pero quedaron coa maioría.

É unha mágoa que non se aproveite este centenario, ben redondiño, para desde a Consellería, a través do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, facer unha posta de largo e promover un coñecemento máis comunal do espazo, con actividades de acabalo entre o cultural e o turístico. Algo non debe ir ben cando na súa web o que se ve de primeiras é unha felicitación de Nadal... de 2021. En fin, despois da primeiras escavacións de Cuevillas, entre 1922 a 25; despois das escavacións de 1948-50 con Xocas dirixido por Cuevillas medio impedido na casa; tiven a honra de participar aínda estudante, nalgunhas das campañas que desde o Museo, con Paco Fariña e Bieito Pérez Outeiriño, se fixeron a partir de 1980, cando se descubriu un bo treito do lenzo da muralla externa e se comezou a pór en valor o xacemento. 

Quérolles ben a San Cibrán, parte da miña mocidade arqueolóxica, e á Aquis de reedi-
ficados muros para o turismo, e lamento moito o desapercibidos que pasan ese centenario dos inicios da investigación, antes do impulso xeral do Seminario de Estudos Galegos, no 1923.

Te puede interesar